Unión Fenosa Distribución investirá 1,5 millóns de euros no proxecto de soterramento da liña de Alta Tensión de Monteporreiro (Pontevedra)

  • As obras, que se iniciaron a finais de marzo, permitirán desmontar dez torres de alta tensión e 1.525 metros de liña aérea que, actualmente, cruzan a zona urbana de Monteporreiro.

Unión Fenosa Distribución, filial de distribución eléctrica de GAS NATURAL FENOSA investirá 1,5 millóns de euros no proxecto de soterramento da liña de Alta Tensión (LAT) dobre circuíto 66 kV Tibo Mourente, que vai dende a subestación de Mourente ao río Lérez. As obras, que se iniciaron a finais de marzo, consisten na realización dunha canalización subterránea de aproximadamente 2.000 metros, dos cales 634 xa foron executados polo Concello de Pontevedra en virtude dun convenio de colaboración entre a Consellería de Economía, Emprego e Industria, o Concello de Pontevedra e Unión Fenosa Distribución.

O proxecto de soterramento do tendido eléctrico, que conta cun prazo de execución de aproximadamente nove meses, permitirá desmontar un total de dez torres de alta tensión e 1.525 metros de liña aérea, que actualmente cruzan a zona urbana de Monteporreiro. Os traballos de soterramento da LAT Tibo Mourente forman parte do plan de investimentos 2018-2020 da compañía na provincia de Pontevedra.

O director de Unión Fenosa Distribución en Galicia, Julio Gonzalo, visitou esta mañá as obras de Monteporreiro, acompañado polo delegado territorial da Xunta de Galicia en Pontevedra, Jose Manuel Cores Tourís, e os concelleiros municipais, Demetrio Gómez e Alberte Oubiña.

Segundo informou Julio Gonzalo, “a próxima semana abrirase a gabia para completar a canalización existente que podería estar lista a finais de setembro, pasando a subministración aérea á subterránea cando remate o ano.” O director de Unión Fenosa anunciou ademais que “se todo vai segundo o previsto, no mes de xaneiro retiraranse as torres eléctricas existentes”.

Maior distribuidor de electricidade de Galicia

Unión Fenosa Distribución dá servizo a máis de 1,5 millóns de puntos de subministración en 286 municipios das catro provincias galegas a través dunha rede de máis de 58.500 quilómetros de liñas de alta, media e baixa tensión. A distribuidora eléctrica investiu preto de 390 millóns de euros en Galicia no cuadrienio 2015-2018 para reforzar a rede e mellorar a calidade de subministración.

Compartir