UFD investiu 40.000 euros en mellorar a calidade da subministración eléctrica no municipio de Cabana de Bergantiños

  • A distribuidora eléctrica puxo en servizo un novo centro de transformación, unha liña de media tensión aérea e outra de baixa tensión no lugar de Denellón, na parroquia de Nantón.

 

UFD, a empresa de distribución eléctrica de Naturgy, investiu ao redor de 40.000 euros en actuacións e obras de mellora de instalacións eléctricas en media e baixa tensión no municipio de Cabana de Bergantiños. En concreto, a compañía puxo en servizo estes días unha liña de media tensión aérea de 17 metros, unha liña de baixa tensión de 550 metros e un centro de transformación intemperie de 100 KVA na parroquia de Nantón, no lugar do Denellón, o que mellora a calidade de subministración aos clientes da zona.

Esta actuación inclúese dentro do plan de investimentos que UFD está executando este ano para mellorar a calidade do servizo que presta aos seus clientes.

O obxectivo destas iniciativas é potenciar as infraestruturas de subministración de enerxía eléctrica e mellorar a rede de distribución eléctrica, especialmente en zonas rurais onde é necesario mellorar a calidade do servizo, polo que se contribúe ao desenvolvemento económico destes territorios e a mellora das súas condicións de vida.

Presenza en Galicia

UFD é o maior distribuidor de electricidade de Galicia. Dá servizo a máis de 1,5 millóns de puntos de subministración en 286 municipios das catro provincias galegas, a través dunha rede de case 58.500 quilómetros de liñas de alta, media e baixa tensión. A distribuidora eléctrica investiu preto de 390 millóns de euros en Galicia no cuadrienio 2015-2018 para reforzar a rede e mellorar a calidade de subministración.

Compartir