Naturgy investirá 43 millóns de euros na construción do parque eólico Pastoriza-Rodeiro, na provincia de Lugo

  • Este proxecto renovable, asociado á última poxa do Goberno, súmase á construción dos parques eólicos na Costa da Morte: Pena Forcada-Catasol II en Laxe, Monte Tourado-Eixe, en Vimianzo, e Mouriños en Cabana de Bergantiños e Zas.
  • Os catorce aeroxeradores de Pastoriza-Rodeiro producirán o consumo eléctrico duns 60 mil fogares.
  • Naturgy, que reafirma a súa aposta pola enerxía renovable en Galicia, ten previsto un investimento de aproximadamente 200 millóns de euros para desenvolver preto de 200 megawatts entre 2018 e 2019

Naturgy comezou as obras de construción do parque eólico Pastoriza-Rodeiro, que se situará no municipio da Pastoriza, na provincia de Lugo. Este proxecto contará cun total de 14 aeroxeradores que sumarán unha potencia total de 48,5 MW e supoñerá un investimento de aproximadamente 43 millóns de euros.

Os traballos iniciados ata agora comprenden actividades da nova proxección da zona de obras, sinalización, montaxe de instalacións auxiliares, traballos de roza para o acondicionamento dos camiños de acceso e implantación das correspondentes medidas preventivas de vixilancia arqueolóxica e medioambiental, encamiñadas a evitar posibles afeccións a elementos patrimoniais e naturais.

Tanto as tarefas de roza como de retirada de maleza realízanse sobre a superficie estritamente necesaria, co fin de que o impacto sobre a contorna sexa mínimo.

Co desenvolvemento deste proxecto, que se une á construción dos parques eólicos de Pena Forcada-Catasol II en Laxe, Monte Tourado-Eixe en Vimianzo, e Mouriños en Cabana de Bergantiños e Zas, todos asociados á última poxa de nova potencia renovable realizada polo Goberno en maio de 2017, Naturgy confirma o seu compromiso con Galicia e co cumprimento do seu Plan Estratéxico 2018-2022.

Catorce aeroxeradores producirán o consumo eléctrico dunhas 60 mil vivendas

O proxecto eólico de Pastoriza-Rodeiro suma 14 aeroxeradores de 3,46 MW de potencia unitaria, cunha altura de buxa de 84 metros e un diámetro de rotor de 132 metros. Os aeroxeradores terán unha potencia total de 48,5 MW e unha produción anual estimada de 150 GWh, o que equivale ao consumo eléctrico duns 60 mil fogares.

O parque eólico de Pastoriza-Rodeiro instalarase en zona rural da provincia de Lugo, dando un novo uso ao territorio, perfectamente compatible coa agricultura ou a gandería e contribuíndo á creación de postos de traballo. O proxecto renovable permitirá un aproveitamento máis eficiente e racional da enerxía primaria, o que permitirá reducir as emisións de gases contaminantes e preservar a calidade medioambiental,” declarou María Landeira, responsable de desenvolvemento dos proxectos eólicos en Galicia de Naturgy. A construción do parque de Pastoriza-Rodeiro xerará, nas súas distintas fases, uns 340 postos de traballo. Para a construción, operación e mantemento do parque, os equipos técnicos de Naturgy apoiaranse en boa medida en distintas empresas con base e persoal en Galicia.

Durante a construción realizarase un seguimento ambiental e arqueolóxico continuo para garantir o cumprimento das medidas definidas na Declaración de Impacto Ambiental en canto a vexetación, fauna, atmosfera, hidroloxía e bens culturais e arqueolóxicos. As superficies afectadas serán revexetadas e levarase a cabo un seguimento medioambiental periódico durante a vida do parque.

Aposta de Naturgy polas enerxías renovables en Galicia

Naturgy conta en Galicia cunha potencia eólica instalada de 304,6 MW, con 13 parques eólicos en operación, e unha produción anual de 581 GWh en 2017. A enerxética puxo en operación en 2015 o parque eólico Cordal de Montouto e realizou en 2016 a primeira repotenciación de Galicia no parque eólico Cabo Vilano, substituíndo 22 aeroxeradores por 2, cun incremento da produción do 400%.

A compañía enerxética, que reafirma a súa aposta pola enerxía renovable en Galicia, ten previsto un investimento de máis de 200 millóns de euros para desenvolver preto de 200 megawatts entre 2018 e 2019.

Compartir