A Fundación Naturgy pon en marcha unha nova iniciativa de voluntariado corporativo no ámbito da educación, no contexto do programa ‘Promoción do éxito escolar’ de Cruz Vermella Xuventude. A actividade forma parte do acordo marco que a Fundación mantén con Cruz Vermella dende 2017.
Este novo proxecto céntrase na intervención socioeducativa de menores de entre 6 e 16 anos, con necesidades específicas de apoio educativo, fracaso escolar, absentismo ou dificultades específicas de aprendizaxe. Estes nenos e mozos asisten habitualmente ás ludotecas das asembleas de Cruz Vermella, onde se lles ofrece apoio en tarefas escolares e se traballan materias para o fomento das vocacións científicas e a creatividade.
Entre os contidos formativos que impartirán os voluntarios da Fundación Naturgy, están o coñecemento tecnolóxico na primeira infancia, que é a enerxía e como e onde se usa, boas prácticas enerxéticas, eficiencia enerxética e sostibilidade.
Os voluntarios impartirán estes talleres polas tardes, fóra do horario escolar, en Madrid e Barcelona. Os contidos transmitiranse a través de xogos e experimentos, entre outras dinámicas, para as cales se prepararon materiais especializados desenvolvidos pola propia Fundación Naturgy.
Esta axuda aos máis novos para alcanzar o éxito escolar incorpórase ao catálogo de actividades de voluntariado corporativo que preto de 500 empregados de Naturgy desenvolven xunto a Cruz Vermella, principalmente, e con outras entidades en todo o territorio español.
1.200 familias en situación de vulnerabilidade beneficiadas ata agora
Durante o seu primeiro ano de colaboración, a Fundación Naturgy e Cruz Vermella xa atenderon máis de 1.200 familias en risco de vulnerabilidade, proporcionándolles asesoramento sobre o uso responsable da enerxía, asistencia na solicitude de axuda dos servizos sociais ou proporcionando un kit de eficiencia enerxética para a adecuación do consumo de subministracións das súas vivendas, entre outras accións.
Esta alianza estratéxica vese agora reforzada co novo voluntariado de ‘Promoción do éxito escolar’ establecido coa sección xuvenil da entidade. O director estatal de Cruz Vermella Xuventude, Carlos Cortés, manifestou que “co apoio do voluntariado da Fundación Naturgy, os nenos e nenas que participan no proxecto coñecerán que é e como funciona a enerxía e aprenderán a usala mellor a través de xogos e talleres”.
Pola súa banda, a directora xeral da Fundación Naturgy, María Eugenia Coronado, espera que a colaboración con Cruz Vermella se plasme na educación dos menores. “Este programa é positivo non só a ámbito formativo, senón tamén en canto á axuda na conciliación familiar e laboral das familias vulnerables. O máis importante é facilitar recursos formativos e asistenciais cos que poidamos achegar o noso gran de area para que estes nenos teñan acceso a coñecementos especializados no ámbito da tecnoloxía e alcancen o éxito escolar”.
A colaboración con Cruz Vermella forma parte do Plan de Vulnerabilidade Enerxética posto en marcha por Naturgy en 2017, e o primeiro desenvolvido por unha empresa enerxética española. O programa inclúe máis de 20 medidas, tanto operativas coma sociais, que teñen como obxectivo reforzar e sistematizar a xestión dos clientes vulnerables e fortalecer a colaboración coas entidades do terceiro sector e a comunicación cos Servizos Sociais.
Cruz Vermella Española
Cruz Vermella é unha organización humanitaria que traballa con persoas que, por diversas causas, atravesan situacións de elevada vulnerabilidade social. A pobreza enerxética é un dos factores limitantes que afectan os colectivos que atende a organización e que lles impide desenvolver unha vida adecuada. Por iso, Cruz Vermella lanzou o chamamento “Comprometidos coas persoas e o medio ambiente” e un dos seus obxectivos é apoiar as persoas afectadas pola pobreza enerxética.
Ademais, Cruz Vermella dirixe, a través do seu voluntariado, unha serie de accións para axudar ás familias vulnerables a que coñezan os termos da súa factura eléctrica, realicen boas prácticas ambientais no fogar e darlles consellos para a adquisición do bono social.
Fundación Naturgy
A Fundación Naturgy, fundada no ano 1992 pola compañía enerxética, ten como misión a difusión, formación, información e sensibilización da sociedade en temas de enerxía e medio ambiente. Tamén desenvolve programas de acción social tanto no ámbito nacional como internacional, incidindo especialmente en actuacións destinadas a paliar a vulnerabilidade enerxética. No ámbito cultural, promove accións orientadas tanto á preservación e difusión do patrimonio histórico do sector do gas e a electricidade.