Os fogares españois poderían reducir un 27% as súas facturas enerxéticas se aplican melloras nos seus hábitos e no equipamento

  • Esta diminución permitiría un aforro económico de 4.350 millóns de euros ao ano e evitaríase a emisión de case 15 millóns de toneladas de CO2.
  • As comunidades autónomas máis eficientes son Valencia, Cataluña e Cantabria.
  • 2018 é o primeiro ano que rexistrou un incremento do Índice de Eficiencia dende 2011.
  • As medidas que máis melloraron son a utilización de programas curtos de lavado, o incremento de lámpadas eficientes e o aumento de coñecemento de aforro por axuste de potencia, malia que aínda queda percorrido por facer nos equipos en stand by, a redución de saída de aire nas ventás ou a utilización simultánea de electrodomésticos.
  • As lámpadas led xa son as máis habituais nas vivendas españolas (39%), seguidas das de baixo consumo (34%), halóxenas (12%), incandescentes (9%) e fluorescentes (5%).

A Fundación Naturgy publicou esta mañá os resultados da última edición do Índice de Eficiencia Enerxética no Fogar. Este estudo reflicte que os españois poderían reducir un 27,4% as súas facturas enerxéticas con melloras nos seus hábitos e en equipamento. Neste sentido, unhas lixeiras modificacións dos usos e os costumes permitirían aforrar 4.352 millóns de euros aos fogares españois nas facturas enerxéticas cada ano.

A enerxía susceptible de ser aforrada é case de 50.000 GWh, o equivalente ao 18% da demanda eléctrica total de España en 2017. Con este aforro, ademais, evitaríase a emisión de 14,7 millóns de toneladas de dióxido de carbono (CO2) á atmosfera, as mesmas emisións que realizan 4,8 millóns de turismos ao ano, o 21% do parque móbil existente en España.

O director xeral da Fundación Naturgy, Martí Solà, destacou que “este observatorio se enmarca nas accións de sensibilización da Fundación, coas que se promove o uso racional dos recursos enerxéticos e o fomento do desenvolvemento sustentable. Con esta nova edición do estudo, constátase que a eficiencia e o aforro enerxético están cada vez máis presentes na nosa vida cotiá”.

O Índice de Eficiencia Enerxética 2018 reflicte que os fogares españois teñen un maior potencial de aforro enerxético en equipamento (43,3%) e en calefacción (25,3%). As porcentaxes son inferiores en iluminación (20%), aire acondicionado (18,3%) e auga quente (13,7%).

Mellora a nota enerxética das familias

O estudo da Fundación Naturgy contén un Índice Global de Eficiencia Enerxética Nacional, que avalía o equipamento, control, mantemento e cultura dos fogares nunha escala do 0 ao 10. Nesta edición, o índice sitúase en 6,46 puntos, un 1,1% máis que na pasada edición. É a primeira vez dende 2011 que este indicador rexistra unha mellora que, aínda que lixeira, é significativa por supoñer un cambio de tendencia. Ademais, cómpre salientar que o Índice de Eficiencia Enerxética experimentou un crecemento do 5,73% dende a primeira edición, en 2004, o que reflicte que os cidadáns son cada vez máis conscientes das medidas de aforro e eficiencia.

A mellora do Índice Global de Eficiencia Enerxética vén motivada polos ascensos dos subíndices de ‘Control’ (1,8%), ‘Cultura’ (1,39%) e ‘Equipamento’ (1,11%), tres dos catro medidores que compoñen o estudo. O único indicador que descende é ‘Mantemento’, que obtén o resultado máis baixo de toda a serie histórica dende 2004.

Os hábitos que melloraron no último ano son os seguintes:

  • Practicamente na metade dos fogares españois a maioría dos electrodomésticos son de clase A ou superiores (49,4%) e mellorou o coñecemento sobre a etiquetaxe.
  • Evolucionan en positivo o uso do programa curto na lavadora e crece a tendencia de seleccionar que a lavalouza elixa automaticamente o programa de lavado, o que mellora a eficiencia.
  • O 39% das lámpadas dos fogares españois son led, seguidas das de baixo consumo (34%). As lámpadas menos eficientes, as incandescentes, xa só representan o 9%.
  • Hai un 27% máis de fogares que teñen contratada discriminación horaria.
  • Reflíctese unha maior cultura enerxética, xa que 3 de cada 4 enquisados saben que, axustando ás súas necesidades a tarifa e a potencia contratada, poden pagar menos.

Entre os aspectos negativos, aumentaron os equipos en stand by nos fogares e descendeu o número de casas que apagan de todo os equipos antes de saír ou deitarse. Ademais, empeoraron os sistemas para a redución de saída de aire en todas as ventás nos fogares, incrementouse o uso de electrodomésticos de maior consumo de xeito simultáneo e creceu o número de fogares sen termóstato para regular a calefacción individual.

Valencia, Cataluña e Cantabria son as comunidades máis eficientes

Actualmente, os fogares máis eficientes de España encóntranse na Comunidade Valenciana, cunha puntuación de 6,61, seguidos polos cataláns (6,57) e os cántabros (6,52). A continuación sitúanse Andalucía, Aragón e Murcia (6,50), e Estremadura (6,49). Ao mesmo nivel que a media nacional (6,46), sitúanse Madrid e Castela-A Mancha. No lado oposto, por debaixo da media, Castela e León, País Vasco (6,40), Galicia (6,36), A Rioxa (6,34) e Baleares (6,31), todos eles no contorno do 6,3 ao 6,4. As rexións cos fogares menos eficientes sitúanse en Asturias, Navarra (6,23) e Canarias (6,01).

O incremento rexistrado a ámbito nacional do Índice Global de Eficiencia Enerxética Nacional (+1,1%) vén motivado por un crecemento deste factor en 13 das 17 comunidades autónomas.

Os crecementos máis pronunciados respecto ao último informe, levado a cabo en 2016, rexístranse no País Vasco (+4,9%), Estremadura (+3,8%), Comunidade Valenciana (+3,3%) e Galicia (+3,2%), por enriba de 3 puntos porcentuais. Pola súa banda, as catro únicas rexións onde descendeu este índice son: Cataluña (-0,5%), Asturias (-0,8%), Murcia (-1,2%) e Baleares (-5,3%).

O estudo da Fundación Naturgy tamén reflicte diferenzas en relación con factores sociodemográficos, como a idade do responsable do fogar ou o tamaño do municipio no que reside. Neste sentido, pódese perfilar unha radiografía do fogar eficiente. Este perfil correspóndese cunha familia de nivel económico medio-alto, onde o responsable do fogar é un home ou muller (ou ambos os dous) de máis de 50 anos, e a vivenda está situada nun municipio de entre 10.000 e 100.000 habitantes.

Por outro lado, constatouse que as familias identificadas nun ámbito de vulnerabilidade enerxética teñen valores menores en todos os subíndices de eficiencia enerxética respecto á media.

Para a elaboración da edición do índice de 2018, realizáronse 3.600 enquisas a ámbito nacional.

Compromiso coa eficiencia

A Fundación Naturgy mantén dende hai anos un firme compromiso coa eficiencia enerxética, que se traduce na organización e participación en múltiples actividades dirixidas a promover a eficiencia enerxética entre a cidadanía.

O Índice de Eficiencia Enerxética, que se realiza dende 2004, é unha das iniciativas máis relevantes desenvolvidas pola Fundación e converteuse nun observatorio de referencia en temas de eficiencia enerxética dos fogares españois. Este índice pon á disposición de usuarios e administracións unha ferramenta para fomentar hábitos eficientes e mellorar así o aforro enerxético.

O estudo anual realízase alternativamente para fogares e para pequenas e medianas empresas.

Fundación Naturgy

A Fundación Naturgy, fundada no ano 1992 pola compañía enerxética, ten como misión a difusión, formación, información e sensibilización da sociedade en temas de enerxía e medio ambiente. Tamén desenvolve programas de acción social tanto no ámbito nacional como internacional, incidindo especialmente en actuacións destinadas a paliar a vulnerabilidade enerxética. No ámbito cultural, promove accións orientadas tanto á preservación e difusión do patrimonio histórico do sector do gas e a electricidade.

Compartir