O sistema DirectLinkLNG de Naturgy premiado como mellor proxecto internacional de innovación tecnolóxica do ano

  • Trátase da primeira ocasión na que este premio da Association of Energy Engineers (AEE) o recibe unha compañía non estadounidense.
  • O proxecto DirectLinkLNG consiste nun sistema flotante que permite a descarga de gas natural licuado de barco a terra sen que sexan precisas custosas infraestruturas fixas e de forma respectuosa co medio ambiente.

A Association of Energy Engineers (AEE) recoñeceu ao proxecto DirectLinkLNG desenvolvido por Naturgy como o “2018 Innovative energy project of the year” premio que recoñece o proxecto máis innovador no ámbito da enerxía a nivel global e que por primeira vez concede a unha compañía de fóra de Estados Unidos.

A AEE é a asociación mundial de maior recoñecemento de profesionais relacionados coa enerxía, principalmente enxeñeiros, con máis de 30.000 profesionais asociados en todo o mundo e presenza en 90 países. A AEE fundouse en 1977 en USA, e dende 1981 vén sendo o organismo de certificación líder. En 2015, esta asociación recoñeceu a Naturgy co primeiro premio Corporate ao ser a compañía española que dispón do maior número de profesionais acreditados por algunha das certificacións da AEE.

Este recoñecemento ao proxecto DirectLinkLNG foi recollido durante o 41st World Energy Engineering Congress (WEEC) da AEE por José Miguel Moreno Blanes, director do proxecto, e Miguel Duvison Santiago, responsable técnico deste. Antonio Miranda Bonet, presidente da AEE Spain Chapter, e Javier Cervera Alonso, vicepresidente da AEE Spain Chapter, ambos de Naturgy, nomeadores do proxecto e impulsores da candidatura, tamén estiveron presentes no acto de entrega do galardón.

“Empezamos cunha idea innovadora, convertida nunha realidade en tempo récord. Hoxe é unha solución única que nos vai permitir revolucionar o mercado de pequena e mediana escala do gas natural licuado nos próximos anos e no ámbito mundial, unha solución integral impulsada en exclusiva por Naturgy cunha morea de posibilidades,” afirma José Miguel Moreno Blanes.

Sobre DirectLinkLNG

DirectLinkLNG é o primeiro sistema flotante para a transferencia de gas natural licuado (GNL), consistente nunha plataforma, a UTS (Universal Transfer System), desenvolvida en colaboración co tecnólogo noruegués Connect LNG, que dispón dun sistema de unión que é a primeira aplicación offshore no mundo compatible con calquera tipo de barco metaneiro. Unha vez conectado ao barco, o GNL é, de forma segura e eficiente, transferido a terra (ou cara ao barco, en caso dunha operación de bunkering de GNL) a través dunhas mangueiras crioxénicas flotantes, cuxa primeira operación comercial foi realizada hai un ano no parque industrial de Herøya (Noruega).

Sobre Naturgy

Naturgy conta con preto de 18 millóns de clientes en máis de 30 países e é unha das compañías multinacionais líderes no sector do gas e a electricidade, polo que é a principal compañía na distribución de gas natural na Península Ibérica. A empresa ofrece aos seus clientes solucións personalizadas co obxectivo de cubrir as súas necesidades enerxéticas, mellorando a súa competitividade a través da innovación, o compromiso coa eficiencia enerxética e a redución de emisións de gases de efecto invernadoiro.

Imagen
Compartir