O novo consumidor de enerxía esixe transparencia, prezos razoables e un uso sostible

  • Expertos de distintos sectores analizan o perfil do novo consumidor de enerxía en “Els Juliols”, curso de verán organizado pola Fundación Naturgy xunto coa Universidade de Barcelona.
  • Durante unha semana, máis dunha ducia de expertos abordaron cuestións como a pobreza enerxética, a importancia da dixitalización e conectividade co novo consumidor enerxético, así como o impacto do sistema no medio e na saúde humana.

A Fundación Naturgy, organizou esta semana en Barcelona a XIII edición do curso de verán Els Juliols, realizado en colaboración coa Universidade de Barcelona, este ano, baixo a temática ‘O novo consumidor de enerxía’. Durante cinco días, doce expertos de diversos campos relacionados coa tecnoloxía, economía, sociedade, ciencia e comunicación afondaron no perfil do novo consumidor e nas súas inquietudes e intereses dentro do modelo enerxético actual.

O director xeral da Fundación Naturgy, Martí Solà, inaugurou o luns o curso xunto co Reitor Magnífico da Universidade de Barcelona, Joan Elías García; e o Catedrático de Recursos Enerxéticos da Universidade de Barcelona, Mariano Marzo, que tamén actuou como condutor do seminario.

A sesión arrancou co relatorio ‘A era da diversificación enerxética: cara ao mix máis diverso da historia’ polo experto Mariano Marzo, que realizou un breve repaso dos principais factores que afectan á transformación do escenario enerxético. “Imos cara a era da diversificación enerxética, polo que chegaremos a unha proporción de consumo de combustibles non fósiles e fósiles dun 40, 50 e 60%”, apuntou.

O experto e xerente de Sector Utilities The Boston Consulting Group, Javier Argüeso, foi o encargado de iniciar o segundo bloque da xornada, coa súa intervención ‘Cara a onde vai o consumidor de enerxía hoxe? Unha visión dende o punto de vista da empresa’.  O consultor destacou a forma na que o perfil do consumidor está a cambiar “buscamos conveniencia, experiencia única, e á súa vez, estase a producir un cambio tecnolóxico que permite cambiar o xeito en que as empresas se relacionan cos clientes: estamos na era do dato”. Neste ámbito “as empresas enerxéticas teñen unha oportunidade para ofrecer novos servizos”, explicou Javier Argüeso.

Pola súa banda, a sesión do martes abordou dúas cuestións clave no sector como son a información e transparencia.  A xornada empezou cun caso práctico sobre a estratexia de comunicación das empresas enerxéticas da man de Sonia Domènech, directora na axencia de comunicación Román e Asociados, que enumerou os diferentes skateholders a ter en conta e a importancia de levar a cabo unha “comunicación transparente e planificada na que teñamos voceiros formados”.

A xornada do martes finalizou coa intervención do xornalista especializado en Medio e Ciencia de La Vanguardia, Joaquim Elcacho que apelou á responsabilidade do tratamento da información sobre enerxía nos medios de comunicación e como a aparición de novos medios especializados dixitais supoñen un factor positivo para a súa recuperación.

Da pobreza enerxética á competitividade empresarial

O mércores a xornada dedicouse aos prezos e custos que se pagan pola enerxía e de como facer fronte á factura ante problemas económicos mediante diversas iniciativas. María González de Perosanz, Conselleira Técnica da Subdirección Xeral de Enerxía Eléctrica do Ministerio para a Transición Ecolóxica, explicou o funcionamento do “bono social” en España. “É o principal mecanismo de protección para o denominado consumidor vulnerable de enerxía eléctrica, enmarcado dentro dun conxunto de liñas de actuación destinadas a aumentar a protección do consumidor no sector eléctrico”, destacou a conselleira e estimou que dous millóns de fogares en España son potenciais beneficiarios deste bono.

Pola súa banda, a responsable de Proxectos Sociais da Fundación Naturgy, Ester Sevilla, explicou as diferentes causas e graos de vulnerabilidade enerxética que se clasifican en 6 niveis segundo tipoloxía e situación de familia afectada. “As causas da vulnerabilidade enerxética son a falta de ingresos das familias, a deficiente construción de vivendas e o alto custo da enerxía, e agora engádese unha cuarta: a falta de formación dos consumidores”, explicou. E destacou unha das iniciativas da Fundación Naturgy, a Escola de Enerxía, proxecto co que se formaron máis de 6.000 persoas nos últimos 18 meses, principalmente traballadores sociais do Terceiro Sector, técnicos de administracións públicas e membros de familias vulnerables, para mellorar a eficiencia e reducir o consumo de enerxía.”É esencial coñecer os nosos hábitos de consumo para saber a forma na que podemos adaptar a factura enerxética ás nosas necesidades e ser máis sostibles”, explicou Ester Sevilla.

Conectividade permanente co novo consumidor enerxético

O xoves abriu a xornada o Responsable de Desenvolvemento de Negocio de Medida de ZIV, Txetxu Arzuaga, co seu relatorio sobre conectividade e servizos á medida do cliente no sector enerxético. A través dun caso práctico fixo un repaso da forma na que consumimos, a través de internet calquera tipo de servizo, e como a conectividade está a gañar terreo en todos os ámbitos, e ten cada vez máis presenza na xestión do consumo no fogar. Nese sentido destacou como o novo consumidor de enerxía poderá controlar mediante unha app no seu dispositivo móbil a enerxía que está a utilizar, recibirá alerta de cando consumir segundo tarifas e franxa horaria. “Con este sistema as empresas enerxéticas poden ofrecer servizos máis adecuados tendo en conta os consumos, e reducir os seus custos operativos”, destacou.

O encargado de finalizar o penúltimo día de “Els Juliols” foi Arthur Jouannic, Principal Analyst de Delta-Ee, que ofreceu mediante un exemplo práctico os novos servizos e produtos baseados na conexión co consumidor.

A perspectiva de saúde e medio ambiente pon o broche final do curso

A primeira intervención da xornada de clausura foi a de Elena Boldo, científica titular do Centro Nacional de Epidemioloxía do Instituto de Saúde Carlos III, co seu relatorio ‘Impacto das emisións da enerxía na saúde humana: evidencias recentes’. Durante a súa intervención, Boldo expuxo como o cambio climático e a deterioración da calidade do aire se relacionan cunha elevada morbimortalidade: 7 millóns de mortes prematuras ao ano no mundo, segundo a OMS. E resaltou a necesidade “da transición cara ás enerxías renovables, a eficiencia enerxética e a redución de consumo son xa aspectos ineludibles en beneficio do clima, da calidade do aire e da saúde pública”.

Pola súa banda, Jorge Miguel Unsión, técnico de regulación de enerxías da Comisión Nacional dos Mercados e a Competencia (CNMC) da Dirección de Enerxía, deu as pautas para que o impacto do sistema enerxético sobre o medio sexa o menor posible. “Dende hai anos, tanto en España coma no resto de Europa, observouse con preocupación o incremento de empresas que se atribúen calidades “verdes” ou “renovables” a si mesmas, ou ben aos produtos e servizos que ofrecen. No caso da electricidade, creouse un mecanismo transparente e obxectivo para que exista un soporte veraz que xustifique estas afirmacións por parte das comercializadoras de enerxía eléctrica”.

A Fundación Naturgy

A Fundación Naturgy, fundada en 1992 pola compañía enerxética, ten como misión a difusión, formación, información e sensibilización da sociedade en temas de enerxía e medio ambiente. Tamén desenvolve programas de Acción Social tanto no ámbito nacional como internacional, incidindo especialmente en actuacións destinadas a paliar a vulnerabilidade enerxética. No ámbito cultural, promove accións orientadas tanto á preservación e difusión do patrimonio histórico do sector do gas e a electricidade.

Imagen
Compartir