O gas natural eríxese como combustible eficiente alternativo para combater a contaminación atmosférica de Castela e León

  • Durante unha xornada organizada pola Fundación Gas Natural Fenosa, coa colaboración da Xunta de Castela e León, diferentes expertos debateron sobre modelos enerxéticos eficientes no transporte para mellorar a calidade do aire das cidades.

 

  • No marco do seminario, a Consellaría de Fomento e Medio Ambiente e a Fundación Gas Natural Fenosa renovaron o seu convenio de colaboración co obxectivo de impulsar iniciativas de sensibilización e fomento da eficiencia enerxética, e o uso racional da enerxía.

 

  • A Estratexia de Eficiencia Enerxética de Castela e León 2020, impulsada polo executivo autonómico, prevé reducir o consumo enerxético na comunidade un 32%. Coa aplicación destas medidas, o sector transporte reducirá as súas emisións de CO2 en 1.107.900 toneladas, o equivalente ao aforro logrado por unha plantación de 27,7 millóns de árbores.

O conselleiro de Fomento e Medio Ambiente da Xunta de Castela e León, Juan Carlos Suárez-Quiñones, e o director xeral da Fundación Gas Natural Fenosa, Martí Solà, inauguraron hoxe o seminarioO gas natural vehicular: vantaxes ambientais e económicas, no Museo Patio Herreriano de Valladolid. Durante a xornada, á que asistiron máis de 170 profesionais, diversos expertos debateron sobre o importante problema que supón hoxe en día a contaminación atmosférica das nosas cidades e as súas posibles solucións.

O director xeral da Fundación Gas Natural Fenosa, Martí Solà, manifestou que “o gas natural é xa unha alternativa eficiente e económica no sector do transporte fronte a outros combustibles fósiles máis contaminantes”. Defendeu á súa vez que “unha transición enerxética require tempo e recursos”. Solà mostrouse convencido de que o futuro enerxético de España debe pasar por enerxías “máis sustentables”. Recordou, á súa vez, que o tráfico rodado é o causante de entre un 40 e un 65% da contaminación atmosférica.

Durante a inauguración, o conselleiro de Fomento e Medio Ambiente da Xunta de Castela e León explicou que, sendo o transporte un activo estratéxico para o desenvolvemento social e económico dunha comunidade organizada e elemento fundamental de articulación e cohesión territorial, o seu desenvolvemento, non obstante, provoca unha serie de efectos ambientais negativos e contribúe á emisión de gases de efecto invernadoiro, polo que, dende hai xa tempo e de forma crecente, o transporte é obxecto de atención prioritaria nas políticas públicas. Mantivo que tanto estas políticas de transporte coma enerxéticas pretenden unha mobilidade máis eficiente a través dunha regulación, planificación e desenvolvemento da actividade de transporte que satisfaga as necesidades de desprazamento de persoas e mercadorías de forma respectuosa co medio ambiente e, para iso, é necesario promover o uso de combustibles alternativos co fin de reducir a contaminación atmosférica e avanzar nun sistema de transporte sustentable, entre os que está o gas natural.

Tras a inauguración do acto, Juan Carlos Suárez Quiñones e Martí Solà renovaron o convenio de colaboración que manteñen, para o fomento de iniciativas orientadas á difusión, concienciación e desenvolvemento de actuacións de eficiencia enerxética en clave de sustentabilidade ambiental.

A importancia do gas natural na mobilidade urbana

O xefe do departamento de Aforro e Eficiencia Enerxética do Ente Rexional da Enerxía (EREN), Roberto Getino de la Mano, detallou as principais liñas de actuación da Estratexia de Eficiencia Enerxética de Castela e León 2020, aprobadas pola Xunta de Castela e León.

Segundo explicou, a devandita Estratexia inclúe “unha redución de emisións de CO2 dun 30,24% cun investimento de 86,4 millóns de euros”. Así mesmo, recordou que o sector transporte en Castela e León é o principal consumidor enerxético da rexión e avanzou algunhas liñas de traballo para mellorar a eficiencia enerxética da comunidade, que inclúen a introdución de novas tecnoloxías no sector transporte.

Pola súa banda, o Institutional Management CNG de SEAT, Ramón Calderón de la Fuente, asegurou que “a mobilidade vehicular con gas natural é unha alternativa sustentable accesible e de doada implantación”. Detallou, ademais, que “a utilización do gas natural como combustible, ademais de ser eficiente dende a perspectiva medioambiental, confire aforros de ata o 50% fronte á gasolina e do 30% fronte ao diésel”.

O director adxunto da Empresa Municipal de Transportes de Madrid (EMT), Juan Ángel Terrón, defendeu o modelo de transporte sustentable a través de autobuses de gas natural da EMT, como caso de éxito extrapolable a outras zonas como Castela e León. Recordou que a contaminación e o tráfico son dúas das maiores preocupacións dos cidadáns e que a orixe da contaminación en capitais como Madrid é o transporte rodado nun 53,7%. “As principais vantaxes do GNC son a importante redución de emisións de HC, PM, NOx e CO (máis do 83% dende 1994), a diminución da contaminación acústica e o beneficio económico para as arcas públicas”. Finalizou o seu discurso sinalando que o gas natural se erixe como “única alternativa real ao diésel”.

A responsable de responsabilidade social corporativa de SEUR, May López, explicou aos asistentes a estratexia da súa empresa para lograr un transporte neutro en carbono. Pola súa banda, o xerente de Beconsa, Paulino Benito Conde destacou na súa intervención as vantaxes que supoñen a incorporación do gas natural vehicular, dende a óptica do transportista como usuario, poñendo énfase na redución do impacto no medio ambiente e o aforro de custos en combustible.

Para finalizar, o responsable de maquinaria de Urbaser, Josep Compte, achegou unha visión máis técnica dos vehículos de gas natural comprimido a través dun caso práctico da compañía, mentres que o catedrático de Enxeñaría Ambiental da Universitat Politècnica de Catalunya, José Mª Baldasano, ofreceu unha ampla perspectiva sobre temas ambientais froito da análise recollida nas súas diferentes teses e publicacións.

A Fundación Gas Natural Fenosa

A Fundación Gas Natural Fenosa, fundada en 1992, orienta as súas actividades á promoción da información, formación e sensibilización da sociedade na mellora da eficiencia enerxética e a innovación tecnolóxica no ámbito da enerxía, respectando o medio ambiente. Tamén desenvolve programas de Acción Social tanto no ámbito nacional como internacional. Incidindo especialmente en actuacións destinadas a paliar a vulnerabilidade enerxética. No ámbito cultural, promove accións orientadas tanto á preservación e difusión do patrimonio histórico do sector do gas e a electricidade, a través do Museo do Gas e o Museo Bolarque, como á difusión e estimulación artística da sociedade, a través do espazo multidisciplinar do Museo de Arte Contemporánea.

Compartir