O Consorcio Europeo ECO-GATE lanza a marca ‘ECO-G’ como distintivo único para o gas natural na mobilidade

  • A marca, deseñada pola consultora de branding e socia do consorcio Soulman Insightful Thinking, fai referencia ás características do gas natural como combustible ecolóxico e económico, unha tecnoloxía de presente para fomentar a mobilidade sostible.

O Consorcio Europeo ECO-GATE, cofinanciado pola Unión Europea e liderado por NEDGIA, a distribuidora de gas do grupo Naturgy, presentou hoxe a marca ECO-G, que deseñou como distintivo único para renomear o gas natural vehicular.

Nun escenario no que os combustibles derivados do petróleo aínda son maioría, a nova marca xira sobre a idea de “ecoloxía intelixente”: o gas natural é a alternativa ecolóxica, económica e de presente máis axeitada para fomentar a mobilidade sostible, tanto terrestre coma marítima.

Cun deseño moderno e con moita personalidade, a marca ECO-G conta cunha tipografía singular que lle permite adaptarse ás formas orgánicas dunha folla. O deseño realizouno a consultora de branding Soulman Insightful Thinking, que tamén é socia do consorcio europeo.

Con esta nova marca, ECO-GATE pretende unificar as diferentes formas con que se vén nomeando a tecnoloxía que utiliza o gas natural na súa función de combustible para mobilidade terrestre e marítima. Desta forma, ECO-G funcionará como selo de denominación e a marca poderá ser utilizada por fabricantes de vehículos terrestres ou marítimos, usuarios de vehículos e empresas tecnolóxicas, comercializadoras e distribuidoras no sector da mobilidade con gas natural.

Enerxía de presente e de futuro para a mobilidade

ECO-G é unha tecnoloxía limpa que reduce ata case cero as emisións contaminantes que afectan a calidade do aire nas cidades: ata un 100% as emisións de NO2 e máis do 95% das partículas sólidas. Ademais, reduce nun 50% a emisión sonora e as vibracións fronte aos motores diésel. E se falamos de gas renovable, as emisións de CO2 son neutras: redución do 100%.

De todos os combustibles alternativos, ECO-G é o único que conta con solucións desenvolvidas e operativas para todas as necesidades de mobilidade, dende os turismos para os desprazamentos urbanos ata o transporte de longa distancia (internacional), sen perder prestacións nin autonomía.

Ademais de beneficios ambientais, a mobilidade sostible con gas natural implica importantes aforros en combustible (50% fronte á gasolina e 25% fronte ao diésel). Por exemplo, un vehículo lixeiro pode percorrer con 20 euros 275 quilómetros con gasolina, 375 con diésel e 555 quilómetros con ECO-G.

O seu uso está moi estendido, dende hai décadas e por todo o mundo, especialmente en América latina e Europa, como en Italia, con máis de 1 millón de vehículos e máis de 1.100 estacións, ou Alemaña, con preto de 100.000 vehículos e case 1.000 gasineiras. No noso país, as cifras non deixan de crecer, o que demostra a grande aceptación que ten a mobilidade con gas natural: en 2018 matriculáronse 5.745 novos vehículos a gas natural (un 146% respecto a 2017) e o parque automobilístico superou as 14.200 unidades (un 68% máis que o ano anterior).

Sobre o Consorcio ECO-GATE

O Consorcio Europeo ECO-GATE (European COrridors for natural GAs Transport Efficiency) é un dos plans mundiais máis ambiciosos para a mobilidade con gas natural convencional e renovable. Cofinanciado por Connecting Europe Facility da Unión Europea, está xestionado e coordinado por NEDGIA, como líder dun consorcio, e está composto por operadores de gas natural, provedores de tecnoloxías e servizos, usuarios finais e expertos en coñecemento do mercado e a súa promoción en España, Portugal, Francia e Alemaña.

ECO-GATE utiliza as novas tecnoloxías e aplica solucións innovadoras para facer posible o despregamento rápido e masivo deste combustible alternativo grazas a unha redución significativa do custo unitario e a unha mellor comprensión e maior coñecemento das necesidades dos clientes.

O proxecto inclúe a construción de 21 estacións de recarga de gas natural ao longo dos corredores do Atlántico e o Mediterráneo en cada un dos 4 países de participan no proxecto: Alemaña (1), Francia (1), Portugal (6) e España (13). Con este fin, o financiamento proporcionado a ECO-GATE compartirase entre os catro países e permitirá o desenvolvemento de gasineiras en Barcelona, Córdoba, Cartaxena, Irún, La Junquera, Madrid, Salamanca, Tordesillas, Aveiro, Lisboa, Setúbal, Tours e Heddesheim, entre outras cidades. Ademais, tamén considera a realización de dous proxectos piloto de subministración de gas renovable e de hidróxeno.
Como operadoras de gas natural participan: NEDGIA Madrid, Enagás Transporte, Dourogás Natural, Endesa Energía, Galp Energía, Repsol, Naturgy Europe, Inversora Melofe e Molgas Energía. Como provedores de tecnoloxías e servizos forman parte: Cetil Dispensing Technology, Soltel It Solutions, Fundación Cidaut, Evarm Innovación, Universidade de Tras-Os-Montes e Alto Douro, Fundación Imdea Energía, Audigna, Ghenova Ingeniería e Madisa. Como usuarios finais: Correos e San José López. E finalmente, como expertos en coñecemento de mercado e promoción forman parte: Gasnam, Autoridade Portuaria de Xixón, Autoridade Portuaria de Huelva, Universidade de Santiago de Compostela e Soulman Insightful Thinking.

O financiamento da Unión Europea responde a que o proxecto traballe en liña coa Directiva Europea 94/2014 fomentando o desenvolvemento do mercado de gas natural para mobilidade (ECO-G) como combustible alternativo.

Ademais, conta co apoio e interese de Ministerio de Industria de España e a Direçao Geral de Energia e Geologia de Portugal, ademais da Asociación Española do Gas (SEDIGAS) e a Asociación europea de gas natural e gas renovable para a mobilidade (NGVA Europa).

Máis información en http://eco-gate.eu/

Compartir