Naturgy pagará o primeiro dividendo do Plan Estratéxico 2018-2022 a conta do exercicio 2018 de 0,28 euros por acción en efectivo o vindeiro 31 de xullo, tan só catro semanas despois de presentar a nova folla de ruta en Londres. Un plan deseñado para xerar valor e impulsar unha maior transparencia, eficiencia e simplicidade, o que redundará nun maior valor dos accionistas.
O presidente de Naturgy, Francisco Reynés, destacou que “con este primeiro pagamento, xa iniciado o novo Plan Estratéxico, queremos reafirmar o compromiso da compañía cunha retribución atractiva e sostible para o accionista, tal e como anunciamos hai unhas semanas de cara aos próximos cinco anos. Ademais, trátase do primeiro pagamento dun total de tres que realizaremos integramente en metálico con cargo a este exercicio”.
Este primeiro dividendo a conta segue as liñas establecidas polo novo Plan Estratéxico 2018-2022 e é parte dun dividendo total de 1,3 euros por acción con cargo ao exercicio 2018, un 30 % máis que en 2017. A partir deste ano 2018 a compañía comprometeuse a aumentar un mínimo do 5 % anual ata acadar os 1,59 euros por acción en 2022.
Esta retribución ao accionista compleméntase cun programa de recompra de accións de ata 2.000 millóns de euros no período 2018-2022, que só deixaría de materializarse no caso de que se encontrase e valorase positivamente un investimento que cumpra os criterios de rendibilidade que se fixou a compañía.
“O Plan Estratéxico busca reforzar a disciplina de investimento a través duns limiares de rendibilidade e que garantan a creación de valor e un crecemento rendible”. O máis relevante do noso plan estratéxico é que primaremos a creación de valor sobre o tamaño”, lembrou Francisco Reynes.
Resultados do semestre
Nos resultados presentados hoxe pola compañía, Naturgy rexistrou un beneficio neto recorrente no primeiro semestre de 532 millóns de euros, un 22 % máis que no mesmo período do ano anterior. O EBITDA recorrente aumentou tamén un 6% entre xaneiro e xuño ata os 2.105 millóns de euros. A evolución dos tipos de cambio no semestre tivo un impacto negativo de 106 millóns no EBITDA, afectando todas as divisas nas que opera a compañía enerxética.
Naturgy destacou que o acordo asinado entre Sonatrach e Naturgy para a extensión dos contratos de compra de gas alxeriano ata finais da próxima década, e que permitirá a Naturgy manter un volume moi relevante e asegura unha repartición óptima de gas natural (GN) e gas natural licuado (GNL) no seu mix de aprovisionamentos, non impactou aínda na conta de resultados do semestre, aínda que espera que o faga retroactivamente dende principio deste ano nas contas que presentará ao peche do terceiro trimestre.
Así mesmo, o día 21 de xuño descargouse o primeiro cargamento de GNL do contrato de longo prazo asinado coa empresa rusa Yamal LNG. Con este contrato amplíase a carteira de provedores estratéxicos cos que conta Naturgy e refórzase a diversidade de subministración nesta rexión de Europa co primeiro contrato de subministración de GNL a longo prazo proveniente de Rusia.
Axuste do valor de activos
Naturgy explicou ao mercado que, en sintonía co novo ámbito macroeconómico, as perspectivas dos principais indicadores do sector enerxético e as hipóteses consideradas no Plan, revisou o valor dos seus activos, e realizou un axuste contable e puntual por 4.851 millóns de euros antes de impostos.
O devandito saneamento queda rexistrado na súa totalidade de xeito non recorrente nos resultados xaneiro-xuño de 2018 nas epígrafes “Amortización e perdas por deterioración inmobilizada” (4.279 millóns) e “Resultado de entidades valoradas polo método da participación” (572 millóns), da conta de perdas e ganancias consolidada. Así, o resultado atribuíble ao grupo no primeiro semestre de 2018 foi negativo en -3.281 millóns de euros. Este axuste de valor non ten ningún impacto na remuneración ao accionista do período.
Mellora da eficiencia e reforzo da disciplina de investimento
O Plan Estratéxico recolle un programa de eficiencias que se porá en marcha no segundo semestre. Por outro lado, refórzase a disciplina de investimento, ao esixirse uns limiares de rendibilidade mínima aos investimentos que garanten a creación de valor e o crecemento rendible. No semestre o 70 % do capex investido, destinouse a proxectos de crecemento orgánico.
No período xaneiro-xuño, Naturgy incrementou o seu foco na xeración de caixa a través da mellora dos resultados recorrentes e desinvestimentos acometidos durante o primeiro semestre. Así, e excluíndo os proxectos singulares – fundamentalmente a incorporación de dous buques metaneiros – o investimento aumentou un 4% no primeiro semestre. Os investimentos materiais e intanxibles sumaron 1.145 millóns de euros, dos que 380 millóns corresponden ao arrendamento financeiro de dous novos buques metaneiros.
No período cómpre salientar a adquisición de dous proxectos fotovoltaicos en Brasil que supoñen un investimento duns 95 millóns de euros e unha capacidade de 83 MW. Agárdase que entren en operación no cuarto trimestre de 2018.
Disciplina e xestión financeira
A 30 de xuño de 2018, a débeda financeira neta de Naturgy acadou os 12.362 millóns de euros e situou a ratio de endebedamento no 45 %. Así, as ratios de Débeda neta/EBITDA e EBITDA /Custo débeda financeira situáronse a peche do primeiro semestre en 3,2x e en 7,3x.
Con data 18 de xullo, Standard&Poor’s ratificou a cualificación crediticia a longo prazo (BBB) e outlook estable tras as presentación do Plan Estratéxico.