Naturgy foi recoñecida polo índice FTSE4GOOD, como a empresa máis sostible do supersector utilities, que agrupa as empresas de gas, auga e multiutilities. Este índice, que forma parte do FTSE Global Equity index, recoñecido a nivel mundial, analiza máis de 2.000 empresas e avalía máis de 300 indicadores ambientais, sociais e de goberno corporativo.
A puntuación global da compañía pasou de 4,3 na última avaliación de 2017 a 4,8 en xuño de 2018, sendo 5 a máxima puntuación posible. As áreas valoradas coa puntuación máxima foron, cambio climático, biodiversidade, estándares laborais, seguridade e saúde, dereitos humanos, xestión de riscos, anticorrupción, goberno corporativo e transparencia fiscal.
“Este resultado é un recoñecemento do compromiso da compañía coa sostibilidade e reforza a excelencia operacional e de xestión de Naturgy. Neste sentido, a compañía prevé afondar nestas liñas de traballo no marco do seu Plan Estratéxico 2018-2022 presentado recentemente en Londres” explicou Jordi Garcia Tabernero, director xeral de comunicación e relacións institucionais de Naturgy. “A compañía enteira está involucrada en implantar boas prácticas en sostibilidade, xestión corporativa e sensibilidade social,” engadiu Garcia Tabernero.
FTSE4Good Index
Periodicamente, a compañía analista líder mundial FTSE Russell elabora a serie FTSE4Good con máis de 15 índices de investimento en valores éticos.
Os criterios de inclusión en FTSE4Good son cada ano máis esixentes e fan referencia á sostibilidade medioambiental, ás relacións positivas cos grupos de interese, o respecto e promoción dos dereitos humanos, a garantía de bos estándares na cadea de valor e a loita contra a corrupción.
Este servizo de cualificacións de FTSE Russell axuda a promover estándares globais de responsabilidade corporativa e permite aos participantes do mercado integrar a sostibilidade nos seus investimentos, ademais de apoiar a transición cara a unha economía baixa en carbono.