Gas Natural Fenosa Renovables puxo en funcionamento o parque eólico de Haría, no que realizou un investimento total de 4,3 millóns de euros. Situado no termo municipal de Agüimes, trátase da primeira instalación deste tipo da compañía que entra en operación nas Illas Canarias.
Cunha potencia instalada de 2,35 megawatts (MW), producirá preto de 7 GWh anuais, equivalentes ao consumo eléctrico dunhas 2.900 vivendas.
GAS NATURAL FENOSA ten 13 proxectos, entre Gran Canaria e Forteventura, que foron inscritos na anterior Cota do Ministerio de Industria, Enerxía e Turismo, cun total de 65 MW de potencia, polo que é a empresa que maior participación logrou.
En Gran Canaria inscribiu unha potencia de 45 MW. Ademais de Haría, a compañía está finalizando a construción doutros sete proxectos, que suman 39 MW, todos eles tamén en Agüimes: La Vaquería, Montaña Perros, Vientos de Roque, Balcón de Balos, Triquivijate, Doramas e Piletas I.
En Forteventura, onde a compañía inscribiu 20 MW, a multinacional comezou recentemente as obras do proxecto Fuerteventura Renovables II, de 4,7 MW, situado en La Oliva.
O investimento asociado a estes 8 proxectos —os sete de Agüimes máis o de Forteventura—, actualmente en construción, é duns 58 millóns de euros.
Os 4 proxectos que non iniciaron aínda a súa construción, por non dispoñer de todos os permisos necesarios para iso, están situados 2 en Telde (Gran Canaria) e 2 en Tuineje (Forteventura).
A aposta de GAS NATURAL FENOSA por Canarias queda patente co desenvolvemento destes proxectos e coa carteira adicional de proxectos eólicos e fotovoltaicos que a compañía ten en tramitación no arquipélago, co obxectivo de presentalos nos próximos concursos de eólica e/ou fotovoltaica que o Ministerio de Enerxía, Turismo e Axenda Dixital anunciou para 2018 e 2019.
Gas Natural Fenosa Renovables
Gas Natural Fenosa Renovables conta actualmente en España cunha potencia instalada en operación de 1.147 MW consolidables, dos que 979 MW corresponden a parques eólicos; 110 MW, a centrais minihidráulicas e 58 MW, a coxeración e fotovoltaica.
A compañía vai construír nos próximos meses diversos proxectos renovables en distintas comunidades autónomas cos que vai duplicar o seu tamaño antes de final de 2019.