Gas Natural Fenosa promove a mobilidade sustentable e as enerxías renovables na II Feira da Enerxía de Galicia

  • A compañía enerxética, que está presente con varios stands, ofrecerá información sobre as vantaxes da mobilidade con gas natural vehicular e a súa aposta polas enerxías renovables.

GAS NATURAL FENOSA participa na II Feira da Enerxía de Galicia, punto de encontro e plataforma de divulgación, tanto técnica coma social, de todas as enerxías, que terá lugar dende hoxe ata o próximo sábado 24 de marzo, en Silleda (Pontevedra). Entre os eixes principais desta feira están, entre outros, as enerxías renovables, a bioenerxía e os combustibles alternativos para os sectores do transporte e a gandería, así como a mobilidade sustentable.

A compañía enerxética conta cun amplo espazo na feira, que ofrece información aos visitantes sobre solucións innovadoras e sustentables, como a mobilidade con gas natural para vehículos, a dixitalización da rede de distribución eléctrica para unha mellor información ao cliente conectado ou o desenvolvemento de novas tecnoloxías asociadas ao biogás ou gas renovable.

Nesta liña, GAS NATURAL FENOSA presenta en Silleda o seu plan para aumentar, ao longo deste ano, o número de estacións de carga de GNC para vehículos en España e permitir a expansión do gas natural vehicular no país, ademais de atender o incremento da demanda nos próximos anos. En Galicia, está previsto que se abran, nunha primeira fase, dúas gasineiras, nas cidades da Coruña e Vigo. Actualmente, GAS NATURAL FENOSA conta con 31 estacións públicas de gas natural operativas en España, do total das 57 que funcionan no país.

Presenza da compañía en Galicia

GAS NATURAL FENOSA é a primeira utility de gas e electricidade de Galicia. No ámbito da distribución de gas, coa súa nova marca Nedgia Galicia, a compañía conta cunha rede de distribución de máis de 3.400 quilómetros e preto de 300.000 puntos de subministración en 77 municipios galegos, o que supón que o 70% da poboación galega está hoxe en disposición de utilizar esta enerxía.

Unión Fenosa Distribución, filial de distribución eléctrica, é o maior distribuidor de electricidade de Galicia. Dá servizo a máis de 1,5 millóns de puntos de subministración en 286 municipios das catro provincias galegas, a través dunha rede de case 58.500 quilómetros de liñas de alta, media e baixa tensión.

No ámbito da comercialización, conta con preto de 220.000 clientes no mercado de gas e con máis de 1,5 millóns de clientes no mercado eléctrico.

O grupo dispón en Galicia de varios activos de xeración en réxime ordinario: 1.272 MW de hidráulica, 580 MW de carbón e 397 MW en ciclos combinados. En réxime especial, conta con 305 MW de xeración eólica (13 parques nas catro provincias), 106 MW de minihidráulica (nove centrais) e 15 MW de coxeración.

Ademais, de acordo coa súa política de responsabilidade social, GAS NATURAL FENOSA implícase activamente en diversas iniciativas e accións de patrocinio, e desenvolve unha ampla actividade social e cultural a través das actividades que organiza o Museo de Arte Contemporánea Gas Natural Fenosa (MAC), cuxa sede se encontra na Coruña.

Compartir