Gas Natural Fenosa pon en marcha un proxecto piloto de produción de gas renovable en Catalunya

  • A planta piloto, situada nunha depuradora en Sabadell, permitirá producir gas natural a partir de dióxido de carbono e auga.
  • O obxectivo é cubrir a necesidade dos sistemas enerxéticos actuais e futuros de poder almacenar enerxía de forma química, resolvendo o reto de almacenar enerxías renovables a grande escala.
  • Este proxecto innovador está englobado no concepto Power-to-Gas, que se basea en converter e almacenar os excesos de electricidade provenientes de fontes renovables aleatorias, como a fotovoltaica e a eólica, en gas metano.

GAS NATURAL FENOSA puxo en marcha unha planta piloto de creación de gas renovable (metanación), unha iniciativa que se enmarca dentro da súa estratexia de produción de gases renovables compatibles coa subministración de gas natural. Trátase dun proxecto conxunto co Institut de Recerca en Energia de Catalunya (IREC) e a spin-off alemá Ineratec GmbH, con quen colaborou no deseño, construción e posta en marcha da planta, situada na depuradora de augas residuais de Sabadell, que trata a auga de 200.000 habitantes da área metropolitana de Barcelona.

GAS NATURAL FENOSA é a responsable da construción, posta en marcha e probas da devandita planta piloto, así como do deseño, instalación e seguimento do sistema de monitorización de gases de toda a planta, que inclúe o piloto de upgrading de biogás que leva a cabo Cetaqua, e o piloto de metanación, que desenvolve a compañía.

A iniciativa enmárcase en CoSin, un proxecto da Comunidade RIS3CAT Enerxía, creada pola Generalitat de Catalunya a través de ACCIO, na que se engloban proxectos de investigación industrial, desenvolvemento experimental e innovación orientados a transformar o sector enerxético cara a un modelo máis sustentable e eficiente. GAS NATURAL FENOSA é líder do proxecto e coordina tamén as actividades con outros socios e coa Comunidade RIS3CAT Enerxía. O proxecto CoSin está cofinanciado por Fondos Europeos de Desenvolvemento Rexional da Unión Europea, no marco do Programa Operativo FEDER de Cataluña 2014-2020, e por ACCIÓ, mediante a Comunidade de Enerxía RS3CAT.

O obxectivo principal do proxecto CoSin é desenvolver combustibles sintéticos a partir de carbono de orixe bioxénica e auga. Con iso, preténdese cubrir a necesidade dos sistemas enerxéticos actuais e futuros de poder almacenar enerxía de forma química, resolvendo o reto de almacenar enerxías renovables a grande escala, contribuíndo á mellora do medio ambiente e á diminución de emisións de dióxido de carbono. Considérase ademais a posible utilización de fontes de carbono, como a biomasa forestal, zurros ou lamas de depuradora que achegan un valor social e medioambiental engadido.

Este proxecto innovador está englobado no concepto Power-to-Gas, que se basea en converter e almacenar os excesos de electricidade provenientes de fontes renovables aleatorias, como a fotovoltaica e a eólica, en gas metano. Estas tecnoloxías de almacenaxe son importantes en España xa que, nos últimos 4 anos, produciu o 40% da electricidade a partir de enerxías renovables. A maior vantaxe desta estratexia é que o gas de orixe renovable pode ser transportado e almacenado na infraestrutura de gas actual.

A capacidade de almacenaxe de gas en España é de preto de 30 TWh, o que implica que se podería almacenar toda a electricidade renovable xerada polos parques eólicos durante 6 meses. Outra vantaxe desta tecnoloxía é que abre a porta a reducir as importacións de gas natural de orixe fósil e que reduce as emisións de dióxido de carbono das plantas de tratamento de augas.

A tecnoloxía que se desenvolverá en Sabadell consiste na produción de hidróxeno e a súa combinación con dióxido de carbono procedente de biogás. Neste proceso, soamente son usados como reactivos a auga e o gas de efecto invernadoiro. A reacción de metanación lévase a cabo en condicións de temperatura e presión habituais nos procesos industriais. A lexislación actual española é moi restritiva e esixe unha porcentaxe de metano superior ao 95% para ser inxectada na rede de gas. Neste sentido, o proceso de metanación e o sistema de monitorización están expresamente deseñados para o caso español.

A operación experimental da planta piloto iniciouse en maio, e está previsto que teña unha duración dun ano e medio.

Imagen
Compartir