O Parque Eólico El Tesorillo, promovido por Naturgy, xa conta cos seus primeiros aeroxeradores

  • Este proxecto, situado na localidade gaditana de Jimena de la Frontera, terá unha potencia de 26 megawatts (MW) e producirá anualmente o equivalente ao consumo eléctrico de 24.000 vivendas.

Os primeiros aeroxeradores que forman parte do Parque Eólico El Tesorillo, o proxecto de xeración renovable que Naturgy está a construír en Jimena de la Frontera (Cádiz), xa están en pé. Durante os próximos meses continuarán as obras de instalación do resto de aeroxeradores, ata chegar aos 12 que compoñen este parque, cuxas obras se espera que estean totalmente finalizadas ao longo do segundo semestre deste ano.

O Parque Eólico El Tesorillo supón un investimento duns 25 millóns de euros e creará aproximadamente 200 empregos entre as súas diferentes fases de construción, operación e mantemento. Terá unha potencia de 26 MW, que producirán ao redor de 84 GWh ao ano, equivalentes ao consumo eléctrico anual de 24.000 vivendas, máis do dobre dos habitantes cos que conta a localidade de Jimena de la Frontera.

Xeración de electricidade en Andalucía

Actualmente, Naturgy ten en funcionamento en Andalucía catro centrais de ciclo combinado: Palos de la Frontera (Huelva), cunha potencia instalada de 1.200 MW; dous en San Roque (Cádiz), San Roque Grupo 1 e San Roque Campo 10, ambas as dúas cunha potencia de 400 MW; e unha cuarta en Málaga que tamén ten unha potencia de 400 MW.

En xeración eólica, ademais do proxecto actualmente en construción, Naturgy conta con 55 MW de potencia eólica instalada en Andalucía, en concreto, nas provincias de Málaga e Cádiz.

Naturgy Renovables

A filial de renovables da multinacional enerxética pechou o exercicio 2018 en España cunha potencia instalada en operación de 1.179 MW consolidables, dos que 1.012 MW corresponden a parques eólicos; 109 MW, a centrais minihidráulicas e 58 MW, a coxeración e fotovoltaica.

Naturgy está a realizar unha forte aposta polo incremento en xeración renovable, recollido no seu Plan Estratéxico, que proxecta duplicar o seu tamaño antes de finais do presente ano. Para iso, a compañía ten previsto realizar un investimento de 1.000 millóns de euros en toda España antes de 2020.

Imagen
Compartir