Naturgy obtén o S&P Platts Global Energy Awards pola iniciativa DirectLink LNG

  • A compañía enerxética obtivo o recoñecemento na categoría “Emerging Technology” que destaca DirectLink “como unha solución revolucionaria” no sector mundial do GNL.
  • DirectLink LNG é o primeiro sistema flotante de transferencia de GNL (gas natural licuado) Ship to Shore do mundo.
  • Este recoñecemento mundial confirma o compromiso de Naturgy coa innovación e o liderado internacional da compañía no ámbito do GNL.

Naturgy obtivo un dos galardóns máis prestixiosos do sector enerxético a ámbito mundial, o S&P Global Platts Global Energy Award, na categoría “Emerging Technology” pola infraestrutura DirectLink LNG, recoñecida como unha “solución revolucionaria” no mercado internacional do gas natural licuado, GNL (LNG, polas súas siglas en inglés).

Os Global Energy Awards, que celebran este 2018 o seu vixésimo aniversario, destacou a iniciativa de Naturgy como unha “solución non só innovadora, senón revolucionaria” no mercado internacional do GNL. Estes premios recoñecen as compañías e proxectos líderes no sector enerxético asociado ao seu desenvolvemento e con especial atención á innovación.

Esta iniciativa de Naturgy é pioneira no mundo. É un elemento único e diferenciador no sector que proporciona acceso a unha fonte de enerxía económica, segura e respectuosa co medio ambiente. DirectLink é unha idea innovadora que permitirá revolucionar o mercado do GNL ao ofrecer unha solución integral. O dinamismo e a innovación impulsan a transformación e dan valor engadido ao noso sector, un dos obxectivos estratéxicos de Naturgy a ámbito internacional”, sinalou Francisco Reynés, presidente executivo de Naturgy.

Á gala de entrega dos premios, celebrada esta semana en Nova York, asistiu parte do equipo impulsor desta iniciativa da compañía enerxética.

Como funciona DirectLink LNG

Naturgy, en liña coa súa firme aposta pola innovación, ten en servizo un sistema único no mundo para a transferencia de GNL (gas natural licuado). Esta infraestrutura, implantada en colaboración co tecnólogo noruegués Connect LNG, é un sistema flotante, recoñecido con diferentes patentes e en exclusividade, consistente nunha plataforma que dispón dun sistema de unión compatible con calquera tipo de barco metaneiro. Unha vez conectado ao barco, o GNL é transferido a terra, de forma segura e eficiente, a través dunhas mangueiras crioxénicas flotantes. Tanto o sistema de unión, que se aplicou de forma offshore por primeira vez no mundo, coma as mangueiras crioxénicas flotantes constitúen dous feitos que poñen en evidencia o aspecto innovador da plataforma.

DirectLink LNG é froito da análise das necesidades do mercado, permite a descarga de gas natural licuado de barco a terra sen que sexan precisas custosas infraestruturas fixas (porto e peirao, por exemplo) e cun mínimo impacto medioambiental. Desta forma, dáse resposta á necesidade daqueles clientes que requiren subministración de gas natural en situacións onde aínda hoxe non é económica ou medioambientalmente viable, facendo posible que esta enerxía chegue a lugares remotos ou de difícil acceso, e facilitando a apertura de novos mercados. Esta solución non require ningún tipo de modificación nos barcos metaneiros existentes e permite reducir os tempos de acceso á enerxía no mercado e para os destinatarios.

Esta aposta de Naturgy é pioneira no mundo e supón dispoñer dun elemento  único e diferenciador no sector, que permitirá un rápido desenvolvemento na subministración de GNL a pequena e mediana escala. O sistema flotante, en combinación coas infraestruturas en terra (que completan a solución DirectLink LNG), é unha solución flexible, escalable e que permitirá satisfacer as demandas presentes e futuras de clientes.

Acerca de S&P Global Platts

Platts é o provedor líder independente de información e prezos de referencia dos mercados das materias primas e a enerxía. Conta con clientes en máis de 150 países e é recoñecida a súa experiencia no ámbito das noticias, prezos e análises que proporcionan aos mercados un maior grao de transparencia e eficiencia.

Dende a súa fundación en 1909, Platts segue de preto as tendencias para brindar información dos mercados do petróleo e o gas, a enerxía, os produtos petroquímicos, os metais, a agricultura e o transporte marítimo. Platts é unha división de S&P Global con sede en Londres e máis de 15 oficinas situadas en centros financeiros globais, como Nova York, Shangai e São Paulo, e outros centros de negocios destacados como Houston, Singapur e Londres.

Imagen
Compartir