Naturgy investirá 45 millóns de euros na construción dos parques eólicos navarros Barásoain e Tirapu

  • En total instalaranse quince aeroxeradores na Comunidade de Navarra —once no parque eólico Barásoain e catro en Tirapu— cunha potencia global de 49,5 MW e unha produción total de 155.000 MW/h.
  • Estímase que ambas as dúas infraestruturas, asociadas á poxa eólica de maio de 2017, xerarán 300 empregos.
  • Naturgy reafirma con estes dous parques a súa aposta pola enerxía renovable en Navarra.

Naturgy comezou as obras de construción de dous parques eólicos situados arredor de cinco municipios navarros: Añorbe, Artajona, Barásoain, Olóriz e Tirapu. Estes proxectos contarán cun total de quince aeroxeradores que sumarán unha potencia global de 49,5 MW e unha produción total de 155.000 MWh/ano, e supoñerán un investimento total próximo aos 45 millóns de euros.

Cada un dos quince aeroxeradores terá unha potencia unitaria de 3,3 MW. No parque eólico Barásoain situaranse once deles, cunha produción anual estimada de 113.000 MWh, mentres que os catro restantes se erguerán no parque eólico Tirapu e alcanzarán os 42.000 MWh/ano.

Ao acto de colocación da primeira pedra, realizado esta mañá, asistiu o vicepresidente de Desenvolvemento Económico do Goberno de Navarra, Manu Ayerdi Olaizola, e o alcalde de Añorbe, Joaquín Sanz, acompañados por Carlos González Samano, director de Desenvolvemento Xeración de Naturgy, e Jesús Manuel Calvo Arroyo, responsable de proxectos de Desenvolvemento de Renovables de Naturgy en Navarra.

Os traballos iniciados ata agora comprenden labores de roza e poda, así como movementos de terra. Posteriormente comezarase coa escavación e execución das cimentacións das turbinas para, finalmente, comezar coa montaxe destas. Está previsto que a primeira vertedura a rede destes parques se realice a principios do mes de xullo de 2019.

“Co desenvolvemento destes proxectos, ambos os dous asociados á poxa de potencia renovable realizada polo Goberno en maio de 2017, a compañía reforza o seu compromiso con Navarra. Así mesmo, estas infraestruturas demostran a forte aposta de Naturgy polo incremento en xeración renovable, incluído no noso Plan Estratéxico 2018-2022”, sinalou Carlos González Samano, director de Desenvolvemento Xeración de Naturgy.

Estímase que a construción de ambos os dous parques xerará un total de 300 empregos. Ademais, o desenvolvemento da enxeñaría inicial dos dous parques realizouse a través da Asociación da Industria Navarra (AIN) e contouse coa participación das plantas de Nordex-Acciona de Barásoain, Lumbier e Castejón para a fabricación de turbinas, nacelles, pas e segmentos de torre. Por outra banda, para os traballos de obra civil e eléctrica tamén se está contando, na medida do posible, con provedores locais.

Quince aeroxeradores producirán o consumo eléctrico dunhas 62 mil vivendas

Os quince aeroxeradores cos que contarán os proxectos eólicos Barásoain e Tirapu en Navarra xerarán a electricidade que consumen anualmente unhas 62.000 vivendas, equivalente ao consumo durante 50 anos da suma das poboacións dos municipios nos que se encontran situados os parques (Añorbe, Artajona, Barásoain, Olóriz e Tirapu) ou ao consumo dun ano da metade da poboación de Pamplona. Ao mesmo tempo, reduciranse en máis de 122.000 toneladas ao ano as emisións contaminantes e de efecto invernadoiro.

Os aeroxeradores corresponden ao modelo AW132 3300 de Nordex- Acciona, alcanzan unha altura de buxa de 120 metros, un diámetro de rotor de 132 metros e 186 metros de altura a punta de pa.

Durante a construción realizarase un seguimento ambiental e arqueolóxico continuo para garantir o cumprimento das medidas definidas na Declaración de Impacto Ambiental en canto a vexetación, fauna, atmosfera, hidroloxía e bens culturais e arqueolóxicos. As superficies afectadas serán revexetadas e levarase a cabo un seguimento medioambiental periódico durante a vida do parque.

Aposta de Naturgy polas enerxías renovables en Navarra

Naturgy ten outros catro parques eólicos, explotados pola empresa Derna, nos que participa nun 50%. As instalacións, compostas por máis de 130 aeroxeradores e cunha potencia instalada de 146 MW, están situadas en nove localidades navarras: Añorbe, Artajona, Barásoain, Biurrun-Olcoz, Funes, Leoz, Peralta, Tirapu e Unzué. A compañía puxo en operación en 1999 o parque eólico San Esteban, ao que seguiu o parque eólico Caluengo en 2001, o de Uzquita en 2004 e o parque San Esteban II, construído entre 2004 e 2007.

Sobre a filial de renovables de Naturgy

A filial de renovables de Naturgy pechou o exercicio 2017 cunha potencia total instalada en operación de 1.147 MW consolidables, dos cales 979 MW corresponden a eólica, 110 MW a minihidráulica e 58 MW a coxeración e fotovoltaica.

Compartir