Naturgy inicia as obras de construción de dúas novas plantas fotovoltaicas na provincia de Cidade Real

  • Estas dúas instalacións forman parte do proxecto de tres plantas que a compañía promove na localidade de Porzuna, e supoñerán un investimento global de aproximadamente 100 millóns de euros.
  • As plantas producirán 270 GWh anualmente, o que equivale ao consumo eléctrico nun ano de 108.000 vivendas, e durante as súas diferentes fases xerarán uns 200 postos de traballo. 
  • Contribuirán a reducir unhas 240.000 toneladas de CO2 ao ano, adicionalmente a outras emisións contaminantes.

Naturgy comezou as obras de construción de Picón I e Picón II, dúas novas plantas de enerxía solar fotovoltaica na provincia de Cidade Real, concretamente en Porzuna, das tres que forman parte do seu proxecto nesta localidade. Trátase de instalacións de 50 MWp de potencia pico cada unha, compostas por 151.452 módulos.

O investimento que vai realizar Naturgy no conxunto destas plantas será de aproximadamente 100 millóns de euros e permitirá a creación duns 200 postos de traballo entre as fases de construción, operación e mantemento. Prevese que os traballos de construción conclúan no segundo trimestre de 2019.

As tres plantas fotovoltaicas, que se denominaron Picón I, Picón II e Picón III, producirán ao redor de 270 GWh ao ano, o que equivale ao consumo eléctrico anual de 108.000 vivendas, superiores ao consumo eléctrico dos habitantes dos termos municipais próximos, tales como Porzuna, Malagón, Picón e Piedrabuena.

Estas novas infraestruturas permitirán desprazar o uso doutras fontes de xeración eléctrica convencional e contribuirán a reducir arredor de 240.000 toneladas de CO2 ao ano, adicionalmente a outras emisións contaminantes.

Aposta por Castela-A Mancha

A construción de Picón I, Picón II e Picón III forma parte dos 250 MW adxudicados na poxa de nova potencia renovable realizada polo Goberno en xullo de 2017, que permitiu á compañía facer unha grande aposta por esta tecnoloxía en Castela-A Mancha, que é a comunidade autónoma onde Naturgy inscribiu o maior número de proxectos e potencia fotovoltaica.

Ademais das novas plantas de Porzuna, o pasado mes de abril iniciouse a construción da planta fotovoltaica de La Nava, unha instalación situada nos termos de Almodóvar del Campo e Puertollano (Cidade Real), cunha potencia de 49 MW e un investimento de máis de 34 millóns de euros.

En maio poñíase a primeira pedra de Carpio de Tajo, a que será a maior planta de enerxía solar fotovoltaica da provincia de Toledo, situada no municipio de El Carpio de Tajo, cunha potencia de 50 MWp e un investimento de 30 millóns de euros.

Adicionalmente, Naturgy ten en operación outra instalación da mesma tecnoloxía, Toledo PV, en La Puebla de Montalbán (Toledo), a máis antiga de Europa, xa que comezou a funcionar en 1994 cunha potencia pico de 1 MW.

Ademais, en Castela-A Mancha, a compañía conta con nove parques eólicos, que en 2017 xeraron 493 GWh, o que supón cubrir as necesidades eléctricas dunhas 200.000 vivendas e evitaron lanzar á atmosfera 170.000 toneladas de CO2.

Naturgy pechou o exercicio 2017 cunha potencia total instalada en operación de 1.147 MW consolidables, dos cales 979 MW corresponden a eólica, 110 MW a minihidráulica e 58 MW a coxeración e fotovoltaica.

Compartir