Gas Natural Fenosa Renovables inicia a construción da súa primeira planta solar fotovoltaica en Cidade Real

  • A nova planta fotovoltaica, denominada La Nava, está situada nos termos de Almodóvar del Campo e Puertollano, na provincia de Cidade Real.
  • Xerará arredor de 90 postos de traballo e supoñerá un investimento aproximado de case 34 millóns de euros.
  • Cunha potencia de 49 MW, terá capacidade para abastecer as demandas anuais de electricidade duns 40.000 fogares.
  • Esta infraestrutura contribuirá a reducir da orde de 89.495 toneladas de COao ano, adicionalmente a outras emisións contaminantes.

O director xeral de Industria, Enerxía e Minas de Castela-A Mancha, José Luis Cabezas Delgado; o alcalde de Almodóvar del Campo, José Lozano García; a alcaldesa de Puertollano, Mayte Fernández Molina; o director de Promoción de Gas Natural Fenosa Renovables, Carlos González Samano, e o delegado en Castela-A Mancha de Gas Natural Fenosa Renovables, David Muñoz Sánchez, presentaron hoxe o proxecto da planta solar fotovoltaica La Nava, a primeira que a compañía vai construír na provincia de Cidade Real e a segunda que ten na Comunidade Autónoma de Castela-A Mancha.

A planta de La Nava, situada entre os termos municipais de Almodóvar del Campo e Puertollano, conta con 155.520 módulos fotovoltaicos e unha potencia de 49 megawatts (MW), e producirá ao redor de 100 GWh ao ano, equivalentes ao consumo eléctrico anual de 40.000 vivendas, superando o consumo eléctrico anual dos habitantes destas dúas localidades.

O investimento que vai realizar GAS NATURAL FENOSA neste proxecto situarase arredor dos 34 millóns de euros. A planta fotovoltaica supoñerá a creación duns 90 postos de traballo entre as fases de construción e operación e mantemento. Prevese que os traballos de construción conclúan a finais deste ano.

Esta infraestrutura permitirá desprazar o uso doutras fontes de xeración eléctrica convencional, contribuíndo a reducir máis de 89.495 toneladas de CO2 ao ano, adicionalmente a outras emisións contaminantes.

Co desenvolvemento deste proxecto, a compañía confirma o seu compromiso con Castela-A Mancha que se verá incrementado no futuro.

O alcalde de Almodóvar del Campo, José Lozano García, destacou durante a súa intervención a importancia que ten a posta en marcha desta planta solar fotovoltaica, na súa maior parte situada no termo municipal desta localidade, así como a aposta polas enerxías renovables, sen esquecer o investimento que supón para o municipio e a bisbarra.

A alcaldesa de Puertollano, Mayte Fernández Molina, remarcou que as enerxías renovables forman parte do novo modelo enerxético polo que está a apostar a cidade industrial, un sector xerador de emprego cun gran peso específico no novo plan de reindustrialización, no que traballa o Concello da localidade e onde tamén ten un papel protagonista a investigación.

Pola súa banda, o director xeral de Industria, Enerxía e Minería de Castela-A Mancha, José Luis Cabezas Delgado, destacou que Castela-A Mancha é a primeira rexión do país en tecnoloxía fotovoltaica instalada e que o 73% do total da potencia instalada na rexión procede de fontes renovables, mentres que a ámbito nacional só supón un 51%. Subliñou que Castela-A Mancha aspira a consolidar este liderado apoiando novos proxectos deste tipo que, ademais de xerar riqueza, son compatibles co medio natural.

Ademais da planta solar fotovoltaica de La Nava, Gas Natural Fenosa Renovables ten en operación outra instalación da mesma tecnoloxía, Toledo PV, en La Puebla de Montalbán (Toledo), a máis antiga de Europa, xa que comezou a funcionar en 1994 cunha potencia pico de 1MW.

Gas Natural Fenosa Renovables

Gas Natural Fenosa Renovables conta actualmente en España cunha potencia instalada en operación de 1.147 MW consolidables, dos que 979 MW corresponden a parques eólicos; 110 MW, a centrais minihidráulicas e 58 MW, a coxeración e fotovoltaica.

A compañía vai construír nos próximos meses diversos proxectos renovables en distintas comunidades autónomas cos que vai duplicar o seu tamaño antes de final de 2019.

En Castela-A Mancha Gas Natural Fenosa Renovables conta con nove parques eólicos que en 2017 xeraron 493 GWh, o que supón cubrir as necesidades eléctricas dunhas 200.000 vivendas e evitaron lanzar á atmosfera 169.933 toneladas de CO2.

Compartir