O presidente da Xunta de Comunidades de Castela-A Mancha, Emiliano García-Page; a conselleira de Economía, Industria e Emprego, Patricia Franco; o presidente da Deputación de Toledo, Álvaro Gutiérrez; o alcalde de El Carpio de Tajo, Germán Jiménez; o director xeral de Negocios Almacenistas de GAS NATURAL FENOSA, Manuel Fernández; e a directora xeral de Gas Natural Fenosa Renovables, Ana Peris, puxeron hoxe a primeira pedra da planta solar fotovoltaica Carpio de Tajo, que será a maior instalación destas características da provincia de Toledo.
A planta fotovoltaica Carpio de Tajo, situada na localidade de El Carpio de Tajo, contará con 158.400 módulos e unha potencia de 50 megawatts (MWp), e producirá ao redor de 90 GWh ao ano, equivalentes ao consumo eléctrico anual de 36.000 vivendas, superior ao consumo eléctrico dos habitantes de Carpio de Tajo e Talavera de la Reina.
O investimento que vai realizar GAS NATURAL FENOSA neste proxecto alcanzará os 30 millóns de euros e supoñerá a creación duns 90 postos de traballo entre as fases de construción, operación e mantemento. Prevese que os traballos de construción conclúan a finais de 2018. Esta infraestrutura permitirá desprazar o uso doutras fontes de xeración eléctrica convencional, contribuíndo a reducir arredor de 81.000 toneladas de CO2 ao ano, adicionalmente a outras emisións contaminantes.
Co desenvolvemento deste proxecto, cuxa construción forma parte dos 250 MW adxudicados na poxa de nova potencia renovable realizada polo Ministerio de Enerxía, Turismo e Axenda Dixital (MINETAD) en xullo de 2017, a compañía reafirma o seu compromiso con Castela-A Mancha que se verá incrementado no futuro.
Gas Natural Fenosa Renovables en Castela-A Mancha
O pasado mes de abril, a filial de renovables de GAS NATURAL FENOSA iniciou o proceso de construción da planta solar fotovoltaica de La Nava, unha instalación situada nos termos de Almodóvar del Campo e Puertollano (Cidade Real), cunha potencia de 49 MW e un investimento de máis de 34 millóns de euros.
Xunto con Carpio de Tajo e La Nava, Gas Natural Fenosa Renovables formalizou a selección doutras cinco plantas fotovoltaicas en Castela-A Mancha, situadas nas provincias de Guadalaxara e Cidade Real, e denominadas Canredondo, Picón I, Picón II, Picón III e Zorita. Os sete proxectos supoñerían unha potencia total de 271,7 MW e un investimento conxunto duns 176 millóns de euros. Castela-A Mancha é a comunidade autónoma na que a compañía inscribiu o maior número de proxectos e potencia fotovoltaica.
Adicionalmente, Gas Natural Fenosa Renovables ten en operación outra instalación da mesma tecnoloxía, Toledo PV, en La Puebla de Montalbán (Toledo), a máis antiga de Europa, xa que comezou a funcionar en 1994 cunha potencia pico de 1 MW.
Ademais, en Castela-A Mancha, Gas Natural Fenosa Renovables conta con nove parques eólicos que en 2017 xeraron 493 GWh, o que supón cubrir as necesidades eléctricas dunhas 200.000 vivendas e evitaron lanzar á atmosfera 170.000 toneladas de CO2.
Gas Natural Fenosa Renovables, empresa integrada en GAS NATURAL FENOSA, pechou o exercicio 2017 cunha potencia total instalada en operación de 1.147 MW consolidables, dos cales 979 MW corresponden a eólica, 110 MW a minihidráulica e 58 MW a coxeración e fotovoltaica.