Gas Natural Fenosa e Grupo Disfrimur asinan un acordo para a instalación de dúas novas ‘gasineiras’ para dar subministración aos transportistas do corredor Mediterráneo

  • As novas estacións de carga de gas natural, que se inaugurarán a finais deste ano, situaranse en Molina de Segura (Murcia) e Antequera (Málaga).
  • Estas dúas ‘gasineiras’ únense ás tres que GAS NATURAL FENOSA opera nas instalacións do Grupo Disfrimur en Murcia, Alacant e Valencia.

O director de comercialización de Solucións Enerxéticas de Gas Natural Fenosa, Alberto Fariza, e o director xeral do Grupo Disfrimur, Juan Jesús Sánchez, subscribiron hoxe o acordo para a instalación de dúas novas estacións de carga de gas natural en Molina de Segura (Murcia) e Antequera (Málaga), nun acto realizado na sede do Grupo Disfrimur, coa presenza da directora financeira do Grupo, Isabel Sánchez; a directora xeral de Enerxía e Actividade Industrial e Mineira, Esther Marín; e a alcaldesa de Molina de Segura, Esther Clavero.

A localización de ambas as dúas ‘gasineiras’ é dun gran valor estratéxico polo seu importante tráfico de mercadoría, xa que a primeira delas se situará nun municipio industrial con alta concentración de empresas de transporte, mentres que a segunda se localizará no polígono industrial de Antequera, no considerado como o ‘quilómetro cero’ de Andalucía.

Estas dúas ‘gasineiras’ únense ás tres estacións de gas natural licuado (GNL) e gas natural comprimido (GNC) que actualmente ambas as dúas empresas operan en Murcia, Valencia e Alacant. Desta forma, coa situación destas estacións de carga de gas natural darase unha subministración radial aos transportistas que percorren o corredor Mediterráneo.

Adicionalmente, estas dúas novas estacións de carga de gas natural tamén darán servizo a frotas de servizo público, como camións de recollida urbana de residuos sólidos e de transporte urbano e interurbano de viaxeiros. Sen esquecer os turismos bifuel de particulares, taxistas e empresas de alugueiro de vehículos.

Tras a sinatura do acordo, Alberto Fariza afirmou que “esta colaboración demostra o compromiso de ambas as dúas empresas coa mobilidade sustentable, un reto no que Gas Natural Fenosa ten máis de 25 anos de experiencia, sendo líder na xestión de estacións de carga de gas natural en España”.

Pola súa banda, Juan Jesús Sánchez sinalou que “o Grupo Disfrimur quere contribuír a facer posible o despregamento rápido e masivo do gas natural na mobilidade, xa que se trata dunha enerxía limpa, segura e económica”.

Esther Marín destacou que “dende o Goberno rexional apoiamos aquelas medidas encamiñadas a que todo o noso sector do transporte, gran xerador de emprego, sexa cada vez máis sustentable e respectuoso co medio ambiente. Grazas a iniciativas como as que poñen en marcha Gas Natural Fenosa e o Grupo Disfrimur avánzase neste obxectivo”.

O gas natural no transporte

O gas natural vehicular (GNV) é hoxe unha alternativa real, sustentable e económica fronte aos combustibles tradicionais para o transporte, tanto particular, coma de mercadorías e lixeiro. Os 18 millóns de vehículos de gas natural no mundo demostran a súa viabilidade técnica, polo que é a enerxía máis eficiente e sustentable, xa que conxuga en equilibrio importantes vantaxes económicas e ambientais, a través da redución de emisións e dunha menor contaminación acústica.

En 2017, as matriculacións de vehículos e camións propulsados por gas natural incrementáronse un 112% en España, o que afianza o uso deste combustible no noso país, que conta xa cunha frota de 8.700 vehículos, cun consumo medio de 2.682 GWh ao ano, segundo datos da Asociación Ibérica de Gas Natural para a Mobilidade (GASNAM).

O gas natural vehicular substituíu 142.000 tep (toneladas equivalentes de petróleo) en España durante 2016, polo que é o combustible alternativo que substituíu máis toneladas de petróleo.

Sustentabilidade e economía

O gas natural vehicular mellora a calidade do aire das cidades, consecuencia das súas nulas emisións de NO2 e de partículas sólidas PM10, principal causa de problemas respiratorios derivados da contaminación urbana. Ademais, evita un 30% das emisións de dióxido de carbono e non emite dióxido de xofre.

Respecto á contaminación acústica, os vehículos que funcionan con gas natural producen un 50% menos de ruído e vibracións que un diésel. Este factor ten especial relevancia nas frotas que realizan traballos nocturnos, como son os camións de recollida de lixos.

Os vehículos que utilizan este combustible conseguen a etiqueta ECO da Dirección Xeral de Tráfico, o que lles permite beneficiarse de libre accesibilidade ao centro das cidades en períodos de alta contaminación, de incentivos fiscais e bonificacións en zonas de estacionamento regulado, entre outras vantaxes.

Ademais, a utilización de gas natural vehicular como carburante supón un importante aforro económico para os usuarios. Encher un depósito de gas natural é un 50% máis barato que recargar gasolina e un 30% máis económico que o diésel..

Imagen
Compartir