Castela-A Mancha é a comunidade con maior número de proxectos fotovoltaicos de Gas Natural Fenosa Renovables

  • Os sete proxectos da filial de renovables de GAS NATURAL FENOSA, —situados nas provincias de Cidade Real, Guadalaxara e Toledo—, contan cunha potencia total de 271,7 MW.
  • A construción destes 7 proxectos supoñería un investimento de 176 millóns de euros.
  • Gas Natural Fenosa Renovables seleccionou un total de nove plantas fotovoltaicas asociadas aos 250 MW de potencia adxudicada na poxa realizada polo Goberno o pasado mes de xullo.

Segundo o procedemento establecido polo Ministerio de Enerxía, Turismo e Axenda Dixital (MINETAD), os adxudicatarios teñen a obriga de seleccionar este mes de abril os proxectos que poden chegar a construír asociados á potencia adxudicada na poxa de renovables de xullo do pasado ano, permitindo na devandita selección identificar proxectos por unha potencia de ata un 50% superior á adxudicada.

En Castela-A Mancha, Gas Natural Fenosa Renovables formalizou a selección de sete plantas fotovoltaicas por unha potencia total de 271,7 MW, polo que é a comunidade autónoma na que inscribiu o maior número de proxectos e potencia. Estes proxectos están situados nas provincias de Cidade Real, Guadalaxara e Toledo, e denomínanse Canredondo, Carpio de Tajo, La Nava, Picón I, Picón II, Picón III e Zorita. A súa construción supoñería un investimento conxunto duns 176 millóns de euros.

Estes sete proxectos forman parte do total de nove plantas fotovoltaicas que Gas Natural Fenosa Renovables seleccionou, cunha potencia total de máis de 340 MW, e que se encontran situadas en catro provincias de dúas comunidades autónomas: Castela-A Mancha e Estremadura.

Gas Natural Fenosa Renovables anunciou recentemente o inicio da construción do proxecto La Nava e nos próximos meses irá confirmando a execución daquelas plantas que, de entre as nove identificadas, configuren finalmente os 250 MW adxudicados, que terán un recurso solar superior ás 1.900 horas de produción anual. A compañía estima que a construción destes 250 MW supoñería un investimento total de arredor de 165 millóns de euros.

Poxas de renovables

O resultado das poxas de maio e xullo de 2017 supuxo un éxito para a filial de renovables de GAS NATURAL FENOSA, xa que se situou por diante do resto de utilities que operan no sector enerxético español.

A directora de Gas Natural Fenosa Renovables, Ana Peris, destacou que “a poxa permite materializar os proxectos nos que o grupo enerxético traballou durante os últimos anos, que configuran unha carteira realmente competitiva e optimizada.”

O portfolio de proxectos de Gas Natural Fenosa Renovables, que contan cun grao de tramitación avanzado, permite anticipar o cumprimento dos seguintes obxectivos establecidos polo MINETAD para a potencia adxudicada.

Gas Natural Fenosa Renovables en Castela-A Mancha

Esta mesma semana, a filial de renovables de GAS NATURAL FENOSA puxo a primeira pedra da planta solar fotovoltaica de La Nava, unha instalación situada nos termos de Almodóvar del Campo e Puertollano (Cidade Real), cunha potencia de 49 MW e cuxa construción supoñerá un investimento de máis de 34 millóns de euros. Adicionalmente, Gas Natural Fenosa Renovables ten en operación outra instalación da mesma tecnoloxía, Toledo PV, en La Puebla de Montalbán (Toledo), a máis antiga de Europa, xa que comezou a funcionar en 1994 cunha potencia pico de 1 MW.

Ademais, en Castela-A Mancha, Gas Natural Fenosa Renovables conta con nove parques eólicos que en 2017 xeraron 493 GWh, o que supón cubrir as necesidades eléctricas dunhas 200.000 vivendas e evitaron lanzar á atmosfera 169.933 toneladas de CO2.

Gas Natural Fenosa Renovables, empresa integrada en GAS NATURAL FENOSA, pechou o exercicio 2017 cunha potencia total instalada en operación de 1.147 MW consolidables, dos cales 979 MW corresponden a eólica, 110 MW a minihidráulica e 58 MW a coxeración e fotovoltaica.

Compartir