A Fundación Naturgy e Cáritas únense a ECODES e a ANERR para formar persoas desempregadas en técnicas de aforro no fogar e eficiencia enerxética

  • A acción formativa está destinada a desempregados con experiencia previa no sector da construción e ten como obxectivo a atención a fogares vulnerables.

A Fundación Naturgy, Cáritas Diocesana de Santiago- Interparroquial A Coruña, a Asociación Nacional de Empresas de Rehabilitación e Reforma (ANERR) e a Fundación Ecoloxía e Desenvolvemento (ECODES) asinaron hoxe un convenio de colaboración para desenvolver un proxecto de formación de persoas en situación de desemprego en técnicas de aforro de enerxía no fogar e eficiencia enerxética.

O acto, que tivo lugar esta mañá no Centro de Formación Violetas de Cáritas, na Coruña, contou coa asistencia da directora de Cáritas Interparroquial, Pilar Farjas; o delegado xeral de Naturgy en Galicia, Manuel Fernández Pellicer; a directora da área Cidades Sustentables de ECODES, Cecilia Foronda e o presidente de ANERR, Fernando Prieto.

A acción formativa está destinada a desempregados, preferentemente con experiencia previa no sector da construción, e terá unha duración de 200 horas teórico-prácticas. O obxectivo do proxecto é xerar un novo perfil profesional para atender fogares vulnerables que xunte coñecementos multidisciplinares de intervencións de rehabilitación enerxética, optimización de contratos de enerxía e formación sobre hábitos de consumo eficiente.

Ao finalizar a formación, as persoas participantes terán a oportunidade de poñer en práctica os coñecementos adquiridos en fogares vulnerables, seleccionados por Cáritas, onde poderán aplicar as medidas de optimización de contratos, rehabilitación enerxética e recomendacións de hábitos aprendidas, segundo a programación do curso.

Todos os alumnos serán contratados por empresas asociadas a ANERR durante un período de ata un mes e, adicionalmente, polo menos un 30% dos alumnos que finalicen o curso na súa totalidade serán contratados por un período mínimo de 5 meses a xornada completa, segundo o convenio do sector da construción.

Outros proxectos para loitar contra a pobreza enerxética

Cáritas Española e a Fundación Naturgy asinaron o pasado mes de xullo un convenio de colaboración co obxecto de asesorar en materia de consumo de enerxía os consumidores vulnerables ou familias que dispoñen de poucos ingresos. Ambas as dúas entidades organizaron talleres de formación enerxética, impulsados pola Escola de Enerxía da Fundación, onde os axentes sociais recibiron asesoramento en materia de pobreza enerxética, con consellos prácticos que redundan na optimización da factura de enerxía, así como información sobre os trámites para a solicitude do bono social. Estas sesións, que tiveron lugar no Centro Violetas, dirixíronse a axentes sociais de Cáritas, técnicos e voluntarios dos grupos de acollida das Cáritas Parroquiais.

Ambas as dúas entidades atenderon en 2017, primeiro ano do convenio, máis de 7.000 familias en situación de vulnerabilidade para ofrecerlles asesoramento sobre o uso responsable da enerxía e a adecuación do consumo de subministracións das súas vivendas. Adicionalmente, os servizos de Cáritas ofrecen información e asesoramento sobre o bono social eléctrico (segundo a compañía contratada) e o Tícket Eléctrico.

Cáritas na Coruña tamén desenvolve o proxecto “Aforra Enerxía no teu Fogar” co obxecto de mellorar a calidade de vida e benestar e saúde das familias afectadas pola vulnerabilidade enerxética. Un total de 15 unidades familiares beneficiáronse directamente por este proxecto: realizáronse melloras en instalacións eléctricas das vivendas, reparacións, compras de sistemas de calefacción, cambios de elementos luminosos a baixo consumo, reparacións, compras de cerramentos ou illantes de ventás e portas.

As 36 Cáritas parroquiais e Cáritas Interparroquial da Coruña destinaron máis de 64.000 € en axudas para pagar as facturas da luz no ano 2017 de familias que non poden acceder aos servizos, axudas das administracións públicas para persoas que carecen de recursos, contía que evidencia a importancia de traballar conxuntamente para reducir a pobreza enerxética.

Cáritas

Cáritas Española ten por obxecto a realización da acción caritativa e social da Igrexa Católica en España, a través da comunidade cristiá co fin de promover e coordinar a comunicación cristiá de bens en todas as súas formas, e de axudar á promoción humana e ao desenvolvemento integral de todas as persoas. Con esta finalidade promove, anima e coordina as iniciativas de carácter asistencial, promoción integral da persoa e de denuncia profética.

A Fundación Naturgy

A Fundación Naturgy, fundada en 1992 pola compañía enerxética, ten como misión a difusión, formación, información e sensibilización da sociedade en temas de enerxía e medio ambiente. Tamén desenvolve programas de Acción Social tanto no ámbito nacional como internacional, incidindo especialmente en actuacións destinadas a paliar a vulnerabilidade enerxética. No ámbito cultural, promove accións orientadas tanto á preservación e difusión do patrimonio histórico do sector do gas e a electricidade.

ANERR

ANERR é unha asociación sen ánimo de lucro e entre os seus obxectivos encóntrase o impulso da rehabilitación e reforma de edificios e vivendas, baseado na profesionalización do sector e creando valor para a sociedade. Concíbese como esencial a colaboración de institucións, empresas e entidades do sector, para lograr o devandito fito, así como transmitir á sociedade as bondades da Rehabilitación Eficiente.

ECODES

ECODES ten como misión o logro dun modelo de desenvolvemento económico e social máis sustentable, mediante a xeración, posta en marcha e difusión de alternativas ecoloxicamente apropiadas, socialmente xustas e economicamente viables, para que nos procesos de toma de decisións institucionais, empresariais e persoais se teñan en conta os custos ambientais e sociais que delas se derivan.

Imagen
Compartir