A Fundación Naturgy activa un fondo solidario para a rehabilitación enerxética de vivendas de familias en situación de vulnerabilidade

  • A Fundación da compañía enerxética lanza o Fondo Solidario de Rehabilitación Enerxética para apoiar os fogares e as familias máis vulnerables, inicialmente de Galicia, Madrid e Cataluña, aínda que será extensible a máis comunidades.

 

  • O obxectivo da compañía é financiar as melloras destas vivendas en materia de rehabilitación, equipamento e eficiencia enerxética.

 

  • O Fondo Solidario de Rehabilitación Enerxética está aberto á contribución cidadá, así como a empregados e clientes. A Fundación Naturgy comprométese a achegar o mesmo importe que o público interesado doe a esta iniciativa.

A Fundación Naturgy activou hoxe o Fondo Solidario de Rehabilitación Enerxética co obxectivo de financiar melloras en vivendas de colectivos en risco de vulnerabilidade, inicialmente nas comunidades de Galicia, Cataluña e Madrid.

A Fundación da compañía enerxética busca dar apoio aos colectivos máis desfavorecidos, grazas a melloras substanciais dos seus fogares en materia de rehabilitación, equipamento e eficiencia enerxética. “A nosa Fundación é a doadora principal deste fondo que agora empeza a funcionar e co que confiamos poder axudar aos colectivos máis vulnerables, ademais de manter activa a nosa liña de acción para loitar contra a pobreza enerxética”, indicou o director xeral da Fundación Naturgy, Martí Solà.

O importe económico inicial achegado pola Fundación destinarase a tres liñas principais de actuación. Por unha banda, a rehabilitación expresa de vivendas para mellorar a eficiencia enerxética, así como para o equipamento nas vivendas tanto de reparación coma de substitución. Por outra, as accións que abrangue o Fondo tamén van dirixidas á adecuación a normativa básica para garantir a subministración e cumprir así coa normativa de seguridade, tanto en instalacións de electricidade como de gas.

Os beneficiarios do Fondo da Fundación Naturgy serán aquelas persoas en situación de vulnerabilidade que sexan ou ben propietarios ou ben inquilinos das vivendas que se rehabilitan. Será necesario que as persoas que se beneficien do Fondo sexan atendidas por entidades do Terceiro Sector coas que a Fundación teña acordos de colaboración, ou vivan en pisos cuxa titularidade e xestión sexan de entidades do Terceiro Sector ou administracións.

Aberto á cidadanía

Ademais da achega da Fundación Naturgy, o Fondo Solidario de Rehabilitación Enerxética está aberto ás contribucións voluntarias que calquera cidadán queira facer. “Máis alá das achegas da Fundación Naturgy, calquera persoa que o desexe pode contribuír ao fondo: clientes, empregados, provedores, cidadáns en xeral, xa foren persoas físicas, asociacións ou outro tipo de entidade”, explicou Martí Solà.

Con esta iniciativa, a Fundación da compañía enerxética quere involucrar todos os seus públicos de interese con esta acción, que xa está activa dende este mes de outubro. A Fundación comprométese a contribuír ao Fondo co mesmo importe que achegaran desinteresadamente os cidadáns.

Aquelas persoas que queiran contribuír ao Fondo poden facer as súas achegas, a partir de 1 euro, a través da plataforma de pagamento habilitada para iso e á que se pode acceder na páxina web da Fundación Naturgy (www.fondo.fundacionnaturgy.org).

A Fundación emitirá un certificado acreditativo das achegas realizadas por cada doador, para que se poida facer a correspondente desgravación fiscal.

Fundación Naturgy

A Fundación Naturgy, fundada no ano 1992 pola compañía enerxética, ten como misión a difusión, formación, información e sensibilización da sociedade en temas de enerxía e medio ambiente. Tamén desenvolve programas de acción social tanto no ámbito nacional como internacional, incidindo especialmente en actuacións destinadas a paliar a vulnerabilidade enerxética. No ámbito cultural, promove accións orientadas tanto á preservación e difusión do patrimonio histórico do sector do gas e a electricidade.

Imagen
Compartir