A Fundación Gas Natural Fenosa e Cruz Vermella Española atenden máis de 800 familias en España en situación de vulnerabilidade enerxética

  • Durante o seu primeiro ano de colaboración, ambas as dúas entidades atenderon máis de 800 familias en risco de vulnerabilidade, proporcionándolles asesoramento sobre o uso responsable da enerxía e un kit de eficiencia enerxética para a adecuación do consumo de subministracións das súas vivendas, entre outras accións.
  • Coa renovación do convenio, a Fundación GAS NATURAL FENOSA e Cruz Vermella reforzan a súa alianza estratéxica e amplían a súa colaboración cara á sensibilización de colectivos infantís e xuvenís, e incorporan talleres sobre enerxía en centros educativos e ludotecas.
  • Grazas ao novo convenio, Cruz Vermella desenvolverá unha aplicación móbil para a mellora na avaliación e atención das familias participantes no proxecto de vulnerabilidade enerxética.

O vicepresidente da Fundación GAS NATURAL FENOSA, e director xeral de Comunicación e Relacións Institucionais da compañía enerxética, Jordi Garcia Tabernero; o presidente de Cruz Vermella Española, Javier Senent; e o director xeral da Fundación, Martí Solà, renovaron hoxe o convenio de colaboración para axudar os colectivos en risco de vulnerabilidade enerxética en España.

“Neste primeiro ano de convenio, a Fundación e Cruz Vermella Española atenderon máis de 800 familias vulnerables cun investimento de 200.000 €”, apuntou o presidente de Cruz Vermella Española, Javier Senent.

O vicepresidente da Fundación GAS NATURAL FENOSA, Jordi Garcia Tabernero, afirmou que “a loita para paliar a vulnerabilidade enerxética require da colaboración das administracións, a sociedade e as empresas enerxéticas. A nosa compañía segue traballando para impulsar accións e axudar os servizos sociais e entidades a mellorar a xestión das familias vulnerables”. “Durante o primeiro ano de funcionamento do Plan, garantimos a subministración a máis de 30.000 familias en toda España. Actualmente, a nosa compañía ten asinados convenios que permiten protexer o 94% dos clientes en España”, recordou.

Novos proxectos no convenio

A renovación do convenio da Fundación GAS NATURAL FENOSA con Cruz Vermella inclúe novas liñas de actuación, ampliando o seu labor de sensibilización a colectivos infantís e xuvenís, incorporando talleres sobre enerxía en centros educativos e ludotecas co obxectivo de chegar a todos os membros das familias coas que traballa. Para complementar estes proxectos, tamén estará dispoñible o Energytruck, un gran camión sustentable que alberga unha exposición móbil sobre enerxía e medio ambiente.

Outro dos proxectos que inclúe o novo convenio é o desenvolvemento dunha aplicación online, impulsada por Cruz Vermella, para a mellora na avaliación e atención das familias participantes no proxecto de vulnerabilidade enerxética.

Primeiro ano de asesoramento enerxético a familias

Grazas ao convenio de colaboración entre ambas as dúas entidades, atendéronse máis de 800 familias en situación de vulnerabilidade para ofrecerlles, entre outros, asesoramento sobre o uso responsable da enerxía e adecuación do consumo de subministracións das súas vivendas. A cada familia proporcionóuselle un kit de eficiencia enerxética personalizado segundo o seu caso, compostos de lámpadas led, láminas reflectoras ou ladróns, entre outros instrumentos.

Ambas as dúas entidades organizaron talleres de formación enerxética, impulsados pola Escola de Enerxía da Fundación, para abordar aspectos relacionados coa contratación da potencia adecuada nas facturas, así como os trámites para solicitar o bono social.

Así mesmo, a Fundación GAS NATURAL FENOSA formou máis de 200 voluntarios sobre boas prácticas de aforro e eficiencia enerxética. O obxectivo destas formacións é proporcionar instrumentos e materiais aos voluntarios para que estes poidan facer viable a implantación de prácticas eficientes nos fogares máis necesitados, ademais de promover a comprensión e o seguimento do consumo enerxético nas vivendas de familias en situación de vulnerabilidade.

Plan de Vulnerabilidade Enerxética

O Plan de Vulnerabilidade Enerxética de GAS NATURAL FENOSA é o primeiro desenvolvido por unha empresa enerxética española. O programa, que xa se puxo en marcha en toda España, inclúe máis de 20 medidas, tanto operativas coma sociais, que teñen como obxectivo reforzar e sistematizar a xestión dos clientes vulnerables e fortalecer a colaboración coas entidades do Terceiro Sector e a comunicación cos Servizos Sociais. En total, supón un investimento de 4,5 millóns de euros anuais.

Cruz Roja Española

Cruz Vermella é unha organización humanitaria que traballa con persoas que, por diversas causas, atravesan situacións de elevada vulnerabilidade social. A pobreza enerxética é un dos factores limitantes que afectan os colectivos que atende a institución e que lles impide desenvolver unha vida adecuada. Por iso, a institución lanzou un chamamento “Co medio ambiente, cada vez máis preto das persoas”, co obxectivo de chegar a máis de 12.000 persoas anualmente con accións encamiñadas a paliar os efectos que a falta de recursos económicos poida ocasionar á hora de facer uso dos recursos enerxéticos.

Con este “chamamento”, Cruz Vermella dirixe, a través do seu voluntariado, unha serie de accións para axudar ás familias a que coñezan os termos da súa factura eléctrica, realicen boas prácticas ambientais no fogar que lles axuden a aforrar e consellos para a adquisición do bono social.

Fundación GAS NATURAL FENOSA

A Fundación GAS NATURAL FENOSA, fundada en 1992 pola compañía enerxética, ten como misión a difusión, formación, información e sensibilización da sociedade en temas de enerxía e medio ambiente. Tamén desenvolve programas de Acción Social tanto no ámbito nacional como internacional, incidindo especialmente en actuacións destinadas a paliar a vulnerabilidade enerxética. No ámbito cultural, promove accións orientadas tanto á preservación e difusión do patrimonio histórico do sector do gas e a electricidade.

Imagen
Compartir