Nauticor e Gas Natural Fenosa realizan o primeiro bunkering de GNL do buque ‘Fure Vinga’ en Europa

  • GAS NATURAL FENOSA adxudicouse unha operación de abastecemento de 120 toneladas de gas natural licuado (GNL) para a compañía sueca Furetank. GAS NATURAL FENOSA, Nauticor e Furetank son líderes no desenvolvemento e operación de GNL.
  • Trátase da primeira operación destas características que realiza GAS NATURAL FENOSA no porto de Cartaxena.

Hoxe tivo lugar a primeira operación de bunkering de gas natural licuado (GNL) no buque Fure Vinga, de Furetank, en Europa. O buque recibiu 120 toneladas deste combustible respectuoso co medio ambiente provenientes de 6 camións de GNL, nunha operación que tivo lugar no porto de Cartaxena. “Estamos contentos de que a primeira operación de bunkering de GNL para o Fure Vinga en Europa se completara sen problemas, grazas á cooperación de todas as partes involucradas, incluída a tripulación do buque e as autoridades portuarias, así como á cooperación entre GAS NATURAL FENOSA e Nauticor”, afirmou Lars Höglund, CEO de Furetank.

“Con este tipo de cooperación, evidénciase que o uso do GNL como combustible marítimo é unha solución económica, real e dispoñible para as navieiras, polo que se garante a subministración en portos de distintas áreas xeográficas”, confirmou Joaquín Mendiluce, director de Comercialización Almacenista Ibérica de GAS NATURAL FENOSA.

Os expertos en GNL de ambas as dúas compañías decidiron colaborar e cooperar co obxectivo de levar a cabo esta operación, ampliando así a súa rede de abastecemento de GNL e poñendo de manifesto as posibilidades do GNL como combustible marítimo en Europa. “A nosa experiencia en GNL fixo posible que esta operación de bunkering fose un éxito, evidenciando ao cliente que a dispoñibilidade de GNL como enerxía marítima está a mellorar cada día,” asegurou Mahinde Abeynaike, CEO de Nauticor.

O buque sueco Fure Vinga é o primeiro dunha serie de seis buques cisterna de nova construción destinados ao transporte de produtos químicos, que son propiedade e están operados por Furetank, líder en GNL con sede en Donsö. Trátase do segundo buque propulsado por GNL da frota da compañía, tras o petroleiro químico Fure West, que utiliza GNL como combustible dende 2015.

Para Nauticor, que xa está a subministrar o Fure West para Furetank no noroeste de Europa, a cooperación con GAS NATURAL FENOSA mostra as posibilidades actuais de subministración de GNL. Nauticor foi líder no desenvolvemento de GNL para aplicacións marítimas e desenvolveu unha experiencia exhaustiva e unha ampla rede de localizacións para a subministración de bunkering de GNL no noroeste de Europa durante os últimos anos.

GAS NATURAL FENOSA lidera solucións innovadoras de GNL nos últimos anos e aposta por liderar o desenvolvemento do bunkering de GNL en Iberia, tanto a través de subministracións puntuais como a realizada ao Fure Vinga, como de contratos a longo prazo, como o asinado con Balearia.

O gas natural, clave para descarbonizar o transporte marítimo

Do mesmo xeito que acontece co gas natural para transporte terrestre, o uso do GNL como combustible marítimo é tamén un combustible con gran potencial para descarbonizar o transporte marítimo, posto que a gran maioría das embarcacións funcionan actualmente con produtos derivados do petróleo. O uso do GNL como combustible marítimo ten vantaxes para a contorna: consegue reducir o ruído ambiente nun 50%, as emisións de CO2 nun 25% e as de NOx e SOx en máis do 80%.

Actualmente a frota mundial propulsada por GNL aumenta a un ritmo de entre un 15 e un 25% anual, polo que, se a tendencia segue a mesma liña, en 2025 podería existir unha frota mundial de 300 e 600 buques. Estímase que en 2035 o 22% do consumo total de bunkering será de GNL.

GAS NATURAL FENOSA

GAS NATURAL FENOSA é un grupo multinacional líder no sector da enerxía con sede en Madrid, líder en integración de gas e electricidade en España e América latina. Opera en máis de 30 países e ten unha capacidade instalada de 15,4 MW e un mix diversificado de xeración eléctrica. Tamén é un dos maiores distribuidores de gas natural en América latina. A compañía centra os seus esforzos no compromiso de servizo e seguridade para os seus máis de 18 millóns de clientes nos cinco continentes e os seus máis de 15.000 profesionais.

Gas Natural Fenosa é líder na comercialización de gas na Península Ibérica e un dos principais operadores de gas natural licuado (GNL) no mundo, que subministra GNL non só a España, senón a clientes en todo o mundo. É un operador global líder en GNL dende 1969, presente en toda a cadea de valor do gas cunha carteira de subministracións de 30 bcm nas cuncas atlántica e mediterránea, e conta cunha frota de 9 buques de GNL. Como experto en GNL, Gas Natural Fenosa desenvolve infraestrutura de GNL nos portos proporcionando solucións personalizadas ás compañías navieiras e está a desempeñar un papel crucial no mercado do bunkering no Mediterráneo.

Nauticor GmbH & Co. KG

A compañía Nauticor GmbH & Co. KG, con sede en Hamburgo, é un provedor líder de gas natural licuado (GNL) como combustible para buques. Como parte de The Linde Group, unha empresa líder mundial en enxeñaría e gas, Nauticor combina unha ampla gama de competencias en tecnoloxía crioxénica, loxística e recarga para desenvolver solucións de subministración de GNL para clientes marítimos no noroeste de Europa. A estratexia de Nauticor é cubrir toda a cadea de valor de GNL, dende a terminal ata o cliente final, incluído o abastecemento, o transporte, o almacenamento e bunkering en portos estratexicamente importantes.

Imagen
Compartir